A cidadanía galega agarda hoxe por unha cirurxía 20 días máis que antes da pandemia

O tempo medio de agarda en cirurxía aumentou en máis de 35% desde antes da pandemia. (Foto: Europa Press)
O tempo medio de espera é hoxe de 75,6 días nos hospitais públicos do país, mentres ao remate de 2019 era de 54,5 días.

A espera media por unha intervención cirúrxica moderouse na Galiza durante o primeiro semestre do ano, de forma que se situou nos 75,3 días, se se ten en conta Povisa, e nos 75,6 días excluído este hospital de concerto especial.

Isto supón baixar a media de agarda uns cinco días a respecto do remate de 2021, mais continúa disparada en comparanza cos rexistros de antes da pandemia, xa que cando finalizou 2019 a espera media por unha operación no país era de 54,5 días.

A Consellaría de Sanidade evitou difundir estes datos parciais do ano e explicou que agora se fai balance "unha vez ao ano", aínda que era habitual facelo cada seis meses e, en lexislaturas pasadas, mesmo se publicaban cada tres meses, isto é, catro veces ao ano.

As listas de espera foron adiantadas esta sexta feira por Praza.gal e revelan que a área sanitaria con maior demora por unha operación é a de Ferrol, con 84,6 días. No lado oposto atópase a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 56,8 días de espera media.

Case dous meses para unha consulta especializada

Pola súa parte, a espera media para unha consulta especializada é de 54,8 días no conxunto da Galiza, con case 82 días de espera na área sanitaria de Lugo, é dicir, case tres meses para obter unha cita cun médico especializado.

Na media xeral, os galegos e galegas esperan 12 días máis, de media, para poder acceder a este tipo de consultas fronte a hai un ano e 13 días máis a respecto de decembro de 2019, antes da pandemia.