O Morrazo

Unha banda de 'hackers' secuestra as nóminas do persoal do Concello de Cangas

Casa do Concello de Cangas. (Foto: Google)
Un grupo de 'hackers' que opera a nivel internacional encriptou os computadores do Concello.

Un ciberataque nos sistemas informáticos do Concello de Cangas (O Morrazo) está a provocar varios problemas á hora de facer efectivo o pagamento dos salarios aos funcionarios e funcionarias municipais, segundo vén de precisar o concelleiro responsábel da área de Facenda, Mariano Abalo. As nóminas de todo o persoal contratado polo Concello fican 'secuestradas' mentres as autoridades buscan a forma de atallar este ciberataque.

En declaracións á axencia Europa Press logo de transcender este suceso, Abalo indicou que o persoal técnico leva días traballando en tratar de solucionar esta situación, despois de que un grupo de hackers que opera a nivel internacional encriptasen os sistemas do Concello.

En concreto, as áreas máis afectadas son as de contabilidade, intervención e tesouraría, ademais dos computadores de Alcaldía, o que está a impedir o pagamento das nóminas. A pesar de que a situación "non se solucionará en poucos días", o edil indicou que ao longo da mañá desta quinta feira si se poderá, en principio, proceder ao abono das nóminas.

Mariano Abalo subliñou que, desde o momento en que se tivo constancia do ciberataque, o Goberno local púxose en contacto co Centro Nacional de Intelixencia (CNI) e seguiu os seus protocolos, polo que se interpuxo unha denuncia diante da Garda Civil.

Preguntado sobre se os hackers solicitaron algún tipo de rescate para desencriptar os computadores e retomar a actividade normal, o concelleiro indicou que, polo de agora, non lle consta que isto ocorrese.

"É un tema tremendamente complexo que provoca problemas serios en todos os sentidos", lamentou. Pola súa parte, fontes da Garda Civil confirmaron que xa están a investigar o ataque aos sistemas informáticos do Concello.