O ciberacoso e o 'sexting', principais riscos para a rapazada galega na internet

Mudar os riscos no ámbito dixital exixe o acompañamento das familias e da escola mais a protección da industria e das institucións (Foto: Sendra).
Un estudo de Unicef Galiza destaca os usos e as prácticas máis problemáticos da poboación adolescente na contorna dixital.  

Unha de cada catro persoas adolescentes da Galiza fai un uso problemático da internet, as redes sociais e os videoxogos. Segundo revela o informe Impacto da tecnoloxía na adolescencia na Galiza. Relacións, riscos e oportunidades, elaborado por Unicef Galiza en colaboración coa USC e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Informática, a frecuencia, a intensidade e a escasa supervisión marcan as relacións das crianzas e da poboación adolescente na contorna dixital.

O estudo que vén de presentar a entidade coincidindo co Día da Internet Segura é un dos máis ambiciosos e de maior profundidade realizados até o momento en Europa. Recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes dunha vintena de centros de secundaria da Galiza ─50.000 adolescentes de 265 centros de todo o Estado─, dos que 90,8% recoñece conectarse a internet todos ou case todos os días. 

Ese vínculo cotián, aseguran, proporciónalle alegría a 97,9%, diversión a 82,9%, tranquilidade a 81,9% e apoio e comprensión a 71,5%. Son as sensacións máis  positivas que extrae o alumnado galego da súa experiencia en liña, que non impiden outras prácticas e datos "preocupantes".

Múltiples perfís nas redes

Di o informe que un de cada catro adolescentes na Galiza usa internet e as redes socias de forma intensa e sen supervisión. Case 98% do alumnado de ESO da Galiza está rexistrado nalgunha rede social e 80,5%, ten conta en tres ou máis redes sociais. Con todo, o dato máis salientable, salientan as responsábeis do estudo, é que seis de cada dez mozos e mozas teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, "perfís que utilizan selectivamente para se relacionar coa familia e coñecidos ou con grupos de iguais. É moi doado para eles e supón un risco moi grande en termos de sexting e ciberacoso", resalta a Nós Diario Irene Marín, coordinadora de Unicef Galiza.

Cinco de cada dez adolescentes recoñecen ter contactado con descoñecidos a través de internet e, outros tantos, ter aceptado persoas estrañas en chats e redes sociais. Unha porta aberta  ao grooming e o sexting, identificados pola propia rapazada como prácticas cada vez máis habituais e os riscos principais da rede. De feito, catro de cada dez enquisados asegura ter recibido algunha vez mensaxes de contido erótico ou sexual e un de cada dez, unha proposición sexual por parte dun adulto. Dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.

Xogo e apostas en liña

O estudo tamén repara nos videoxogos, no xogo e nas apostas en liña. Estímase que uns 3.000 estudantes de ESO da Galiza probaron polo menos unha vez. Un 45,5%, para gañar cartos. Polo que se refire aos videoxogos, seis de cada dez adolescentes defenden que se trata da súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen empregar xogos non recomendados para a súa idade. 

"A supervisión parental non é moi adecuada en relación ás pantallas ─só 34,9% da rapazada recibe límites─, por iso é o momento de pór todos estes datos enriba da mesa e  implicar a sociedade para abordar o uso problemático das redes sociais, mudar os riscos e garantir a privacidade real da rapazada", resume Irene Marín.

Acompañamento fronte á vitimización das crianzas na rede

"Non fai falla ser un experto en redes sociais para acompañar os teus fillos na súa vida dixital". Esta mensaxe vai dirixa a pais, nais e titores da poboación moza e é parte da campaña #EducaTRIC que Unicef Galiza pon hoxe en marcha con recomendacións a familias, rapazada, industria e institucións públicas co ánimo de promover a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia no ámbito dixital Para construír unha contorna "segura, saudábel e equitativa".