Galiza sitúase á cola no uso da internet

Galiza é o territorio do Estado español que peores datos presenta no que a uso de internet se refire. A crise da Covid-19 motivou un incremento no emprego da rede nos fogares galegos, especialmente relevante no caso do comercio 'online', unha canle da que só fixo uso a metade da poboación a pesar do confinamento.  
Tres de cada catro fogares galegos fan uso da internet a diario, mais a fenda dixital sitúa Galiza á cola das estatísticas (Foto: Europa Press).
photo_camera Tres de cada catro fogares galegos fan uso da internet a diario, mais a fenda dixital sitúa Galiza á cola das estatísticas (Foto: Europa Press).

Galiza, ou cando menos parte dela, tarda en entrar no século XXI no que a uso da tecnoloxía se refire. Así se desprende dos datos da enquisa sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos fogares, publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúa o país na derradeira posición e moi afastado da media estatal.

Segundo a enquisa, 87,4% da poboación galega de entre 16 e 74 anos usou internet nos últimos tres meses, case seis puntos menos que a media de territorios do Estado español (93,2%), sendo ademais o único que non supera a barreira de 90%.

A lectura positiva é que son tres puntos porcentuais máis que hai un ano, cando a porcentaxe situábase en 84%. Mais ese aumento é o mesmo que o rexistrado no conxunto estatal, subida en parte motivada polo cambio de hábitos derivado da Covid-19, que levou a aumentar o consumo da internet durante o confinamento e a incrementar en moitos casos a infraestrutura para adaptala ás necesidades do  teletraballo

Este cambio de tendencia queda reflectido tamén no número de persoas que utilizaron a diario internet nos tres últimos meses, que se sitúa en 75,2% da poboación, cando hai tan só un ano a porcentaxe era de 67,1%. Neste caso, o incremento de oito puntos porcentuais é superior aos seis que aumenta no conxunto do Estado español, onde a porcentaxe pasou de 77,6% en 2019 a 83,1% en 2020.

Medra o consumo na rede

Outra das consecuencias do confinamento e das restricións pola Covid-19 é a imposibilidade de acudir en moitos dos casos ás tendas físicas, un feito que implicou aumentar considerabelmente as compras a través de internet.

Nos últimos tres meses, segundo a enquisa do INE, 47,2% da poboación galega realizou compras na rede. Son oito puntos porcentuais máis que hai un ano, cando menos de catro de cada dez galegos e galegas (39,2%) apostaban no comercio online.

A enquisa do INE tamén revela que, a nivel estatal, 81,4% dos fogares con polo menos un membro de 16 a 74 anos dispón dalgún tipo de computador. Por tipo de dispositivo, 76,2% conta con equipos de sobremesa ou portátiles e 58,4% con tablets. O teléfono móbil, outra das vías de acceso á internet, está presente en case a totalidade dos fogares (99,5%). Pola súa banda, o teléfono fixo continúa o seu descenso e atópase dispoñíbel en 71,1% dos fogares, 3,8 puntos menos que en 2019.

A fenda dixital

Unha das conclusións da enquisa é que, en termos xerais, a maior poboación do municipio de residencia e a maiores ingresos dos seus habitantes, máis equipamentos hai nos fogares. Este argumento valería para explicar as pobres cifras da Galiza, que conta con moitos pequenos núcleos de poboación, mais o problema real é ben distinto.

Galiza é o territorio do Estado español con máis zonas sen cobertura de redes de banda ancha de nova xeración, e non hai previsións para a súa dotación por ningún operador no prazo de 3 anos en base a plans de investimentos críbeis, o que deixa fóra destes servizos 485.000 galegas e galegos.

Esa fenda dixital, sumada ao escaso coñecemento informático dun alto número de persoas maiores de 40 anos e á falta de medios fan que a Galiza non teña moitas posibilidades de saír do 'furgón de cola' das estatísticas, salvo que haxa una forte aposta en levar internet ao rural e mellorar a formación da poboación nesta materia por parte dos organismos competentes.

De nada serve que as Administracións fomenten o uso de ferramentas dixitais para determinados trámites se despois a poboación non ten os medios para realizalos, e se ven na obriga de desprazarse a outras localidades, mesmo pedir axuda a terceiras persoas, para poderlles dar curso legal.

Futuro comprometido

O maior problema desta desconexión pode ser para a xente máis nova, que está chamada a vivir nun escenario no que tecnoloxías como a do 'internet das cousas', o blockchain, a análise de datos ou o cloud computing (computación na nube) van ser algunhas das habilidades requiridas para desenvolver moitas das profesións do futuro.

Esas carencias empezan a facerse visíbeis nos tempos da Covid-19, nos que contar cun computador e unha conexión de internet son chaves para que o alumnado non quede sen acceso á formación en caso de confinamento. Unha fenda dixital que, novamente, penaliza as zonas do rural fronte as urbanas e deixa a veciñanza sen acceso a unha formación e un futuro de calidade. 

Comentarios