O ciclón explosivo 'Ciarán' arriba hoxe con fortes refachos e chuvias

Os fortes refachos de vento volverán marcar a xornada. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Alerta laranxa en toda a costa galega e en parte do interior do país.

Unha profunda borrasca afectará á Galiza durante a xornada de hoxe e mañá, deixando temporal no mar ao final do día con ondas superiores aos 6 metros,  ventos de forza 8-9 e alerta laranxa en toda a costa galega e tamén en non poucas comarcas do interior. A borrasca 'Ciarán' sufrirá un proceso de cicloxénese explosiva, é dicir, profundizará "rapidamente en pouco tempo".

"A presión atmosférica no seu centro baixará máis de 24 hectopascais en menos de 24 horas e iso fará que se trate dunha borrasca moi profunda, con ventos moi fortes, temporal marítimo e precipitacións abundantes", explica a Axencia estatal de meteoroloxía, Aemet. A axencia tamén advirte de que esta será tan só a primeira dunha sucesión de borrascas.

Neve

Desde a tarde de hoxe, e en especial durante as primeiras horas de mañá, prevense refachos que poidan alcanzar os 150 quilómetros por hora e ondas de 13 metros no noroeste da Galiza. Durante a fin de semana, os acumulados de choiva poderían superar os 200 litros por metro cadrado no oeste, e por riba de 1.000 metros as precipitacións serán en forma de neve.

As alertas empezaron a activarse na fin de semana pasada, cando meteorólogos apuntaron a unha zona de baixas presións que se estaba xestando entre o centro dos Estados Unidos e os Grandes Lagos que separan ese país de Canadá. Esas baixas presións desprazáronse cara ao leste, atravesando o Atlántico, e confluíron cun chorro de aire polar, xerando unha borrasca máis activa e profunda.

Así se formou "a potente e poderosa borrasca 'Ciarán' que hoxe chega á Galiza e, posibelmente, unha segunda gran borrasca podería seguir o mesmo camiño" e tamén afectar o país, segundo recolle Meteored.