Xustiza

O accidente do Alvia non volverá investigarse malia que autoridades da UE advertiran que o informe da CIAF non era independente

A CIAF sinala como responsábel o maquinista Francisco Garzón, na imaxe, durante o xuízo. (Foto:Europa Press)

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) rexeita desenvolver unha nova investigación para esclarecer o acontecido no accidente ferroviario do 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois (Compostela). A decisión deste organismo adscrito ao Ministerio de Fomento chega após unha resolución do Tribunal Supremo (TS) e de diversas peticións nesta dirección das autoridades comunitarias.

O 23 de setembro de 2023, o Tribunal Supremo (TS) resolvía dirixirse á CIAF para que determinase se era precisa unha nova investigación sobre as causas do sinistro do tren Alvia en Angrois. Na mesma resolución, fixaba que “os afectados en accidentes ferroviarios teñen dereito a recibir cumprida información sobre a investigación que se desenvolva sobre as causas do accidente".

A resposta da CIAF chegaba após dunha xuntanza desenvolvida o 14 de febreiro de 2024. Nela, o organismo dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel acordaba que unha nova investigación acerca dun "suceso xa investigado carece de fundamento" ao "non aparecer novas probas ou aspectos non identificados dos que se puidesen extraer novas ensinanzas e novas recomendacións para a mellora da seguridade do sistema ferroviario".

A CIAF argumentaba no escrito xurdido da referida reunión que o seu obxectivo é formular propostas de mellora na seguridade e non "a determinación de culpas ou responsabilidades". Nesta liña, concluía que “consecuentemente, a reapertura dunha investigación técnica por parte da CIAF non se xustificaría se non estivese orientada aos obxectivos antes citados" e que “en todo caso, presuntamente poderíanse avaliar cuestións relacionadas coas cadeas de responsabilidade polos feitos sucedidos”.

A investigación da CIAF, realizada en 2014, foi cuestionada polas autoridades comunitarias. A este respecto, a Axencia Ferroviaria da Unión Europea emitía un informe en 2016 encargado pola Comisión Europea onde sinalaba que o estudo elaborado “non foi independente” e que nel non se abordaron “elementos chave”. Nesta dirección, en xullo de 2017, a Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da Comisión Europea reclamaba á CIAF reabrir a investigación e levala a cabo con total independencia.

Vítimas do Alvia

A Plataforma Vítimas do Alvia mostrouse esta cuarta feira moi crítica coa decisión da CIAF. A este respecto, o voceiro do colectivo, Jesús Domínguez, sinalou a Nós Diario que “o máis grave é que a Unión Europea sinalou en diferentes instancias que non se cumpriron os criterios obrigatorios á hora de facer a investigación e demandou repetila”. Nesta orientación, avanzou a “presentación dun recurso diante do Tribunal Constitucional para que a xustiza se pronuncie sobre se hai que facer un informe conforme aos criterios marcados polas directivas comunitarias”.

Domínguez afirmou que “a máxima autoridade europea en materia ferroviaria ditaminou que o Estado español fechou en falso a investigación e que nunca houbo independencia". "O actual presidente da CIAF é unha persoa ligada profesionalmente a Renfe durante 20 anos e non ten a independencia que require unha investigación como esta", concluíu.