A chuvia e a néboa seguen a impedir o despregamento de medios aéreos na busca da avioneta desaparecida en Zamora

Efectivos despregados no posto de mando da Gudiña. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
O dispositivo actual consta, entre outros, de integrantes da Garda Civil e axentes forestais do Goberno galego desde terra, con máis dun centenar de vehículos.

Os medios aéreos continúan sen poder saír a buscar a avioneta contra incendios desaparecida esta cuarta feira entre Ourense, León e Zamora, debido á "moi mala" visibilidade na zona provocada pola choiva e a néboa.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, desprazado até o posto de mando situado na Gudiña, lamentou que, por agora, sen este apoio aéreo e só por terra, é "moi difícil" dar co paradoiro da aeronave.

En declaracións aos medios desde este punto, Rodríguez confirmou que se trata dun piloto dunha empresa que traballaba contratada pola Xunta na campaña contra os incendios deste ano. No momento da súa desaparición, efectuaba un "voo rutineiro" para volver á súa base.

O dispositivo actual consta, entre outros, de integrantes da Garda Civil e axentes forestais do Goberno galego desde terra, con máis dun centenar de vehículos: "Está practicamente toda a quenda de garda de Ourense aquí, e parte de Lugo".

Por agora, tal e como confirmou Rodríguez, a busca prosegue nos municipios da Gudiña, A Mezquita e Riós, así como na comarca zamorana de Sanabria e o norte de Portugal.

Condicións meteorolóxicas adversas

"É moi difícil e hai pouca visibilidade. Podes pasar á beira do avión e non velo", admitiu o director xeral, quen tamén advertiu que se trata dunha “zona moi ampla e non hai moitas pistas, máis alá das que se publicaron na prensa".

Xa pola mañá, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, explicou en declaracións á Radio Galega que a baixa visibilidade na zona polas inclemencias meteorolóxicas dificultan os traballos de busca polo ar.

O último contacto coa aeronave tívose ás 12.30 horas de onte, na zona do Piornedo, á altura de Castrelo do Val. A compañía puxo en coñecemento das autoridades o incidente de forma inmediata e activouse o operativo, coordinado pola Garda Civil e no que participa o helicóptero da Benemérita, axentes ambientais e dúas brigadas de incendios da Xunta.

A avioneta, un monopraza Thrush 710P con matrícula EC-MXL, achábase realizando un voo de traslado desde as 11.35 horas da cuarta feira entre a base de Doade (Sober) e a de Córdoba, segundo informou a compañía á que pertence. A preocupación máxima é localizar o piloto e atender os seus familiares.