O CHUS participará nun ensaio clínico de terapia celular avanzada para pacientes con linfoma

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, hoxe. (Foto: Xunta)
O Sergas asina un convenio de colaboración co Hospital Clínic catalán destinado a tratar doentes con menos de seis meses de esperanza de vida.

O Hospital Clínico de Santiago colaborará co Clínic de Barcelona no primeiro ensaio clínico de terapia celular avanzada con medicamentos CAR-T na Galiza, que se centrará en pacientes con linfoma con menos de seis meses de esperanza de vida.

O medicamento "CAR-T dual" que se aplicará neste ensaio pretende demostrar que "atacar dúas proteínas [do tumor] é máis eficaz que facelo cunha soa", segundo matizou esta cuarta feira o doutor do Hospital Clínic Álvaro Urbano, nunha rolda de prensa na que tamén interveu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Urbano concretou que xa está "todo preparado" para iniciar o tratamento de persoas doentes con este tipo de medicina avanzada, e agarda que en xaneiro do vindeiro ano conte xa coa autorización para aplicala na capital galega.

Este tratamento, puntualizou, "favorece a diminución de transplantes en pacientes oncolóxicos e mellora a súa calidade de vida con poucas complicacións".

Así as cousas, García Comesaña afirmou que se trata dun "paso importante" na atención personalizada a estas doentes, ao tempo que o director xeral do Clínic, Josep María Campistol, salientou a necesidade de apostar pola investigación, xa que "sen ela non hai futuro".

Centro de medicamentos da ex conselleira Mosquera

O convenio de colaboración asinado polo Clínic e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) terá unha vixencia de catro anos.

Neste tempo porase en marcha en Compostela o Centro de Produción de Medicamentos CAR-T, cuxo inicio de actividade se estima para o primeiro semestre de 2022.

Cómpre lembrar que este centro é froito dun contrato de tres millóns de euros que a Xunta adxudicou o pasado marzo a Galaria, a empresa pública da que é xerente Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade.