Alertan do "colapso" na Atención Primaria

Persoal sanitario no centro de Saúde Viaño Pequeno de Trazo (Foto: Sergas)
Aumentan as críticas contra a Xunta pola situación da sanidade galega. "Desbordada", en "colapso" e con "recortes intolerábeis", así ven profesionais sanitarios, sindicatos e partidos da oposición a Atención Primaria na Galiza.
 

"Desbordada", en "colapso" e con "recortes intolerábeis". Así cualificou a oposición esta sexta feira, 6 de agosto, a situación da sanidade e moi especialmente da Atención Primaria neste mes de agosto e en plena quinta onda da pandemia. As eivas de persoal na Primaria denunciadas por profesionais e pacientes ao longo desta semana avivaron as críticas da oposición contra o Goberno da Xunta, logo de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñecera na terza feira no Parlamento a falta de persoal na sanidade pública. 

De feito, tanto o conselleiro como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, chegaron a cualificar  de “preocupante” o estado do servizo da Primaria e recoñeceron a falta de persoal médico e de Enfermaría. Porén, ambos escudáronse nunha suposta  "ausencia de médicos no mercado" para contratar. 

"Intolerábeis recortes"

De “intolerábel” cualificou o BNG que, após un ano de pandemia, haxa “unha Atención Primaria afogada pola falta de persoal”. A situación, en palabras da deputada nacionalista Iria Carreira, “está a provocar graves consecuencias para as e os pacientes polo deterioro da calidade asistencial e o empeoramento das condición laborais do persoal derivado da sobrecarga de traballo”.

Nese sentido, desde o BNG súmase ás recentes denuncias de profesionais da sanidade ante a carga asistencial que soportan. Carreira explicitou o seu apoio á denuncia que a 30 de xullo interpuxo pola vía penal o Colexio de Médicos de Pontevedra contra as persoas dirixentes das áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra para que se "depuren responsabilidades dos prexuízos" aos que poidan estar sometidas tanto as e os colexiados como as pacientes pola "sobrecarga" de traballo. 

Tamén esta semana houbo en distintos puntos da Galiza mobilizacións do persoal sanitario en protesta pola “mala xestión dos recursos humanos” e “o consecuente aumento da presión asistencial”. Alertaron de que non se organizan substitucións de xubilacións nin de vacacións neste verán, ficando sen cubrir até 50% do persoal. 

Sanidade “desbordada”

Tamén desde o Partido Socialista cargaron contra a xestión sanitaria da Xunta. O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, alertou de que a Galiza está “á cola do Estado” en rastrexo Covid-19 e criticou o feche de 600 camas na sanidade pública este verán e a situación dunha Atención Primaria “desbordada”.

En rolda de prensa, o socialista denunciou "o mal funcionamento dos teléfonos Covid-19 e do sistema de rastrexo", e lembrou que hai unhas semanas a Galiza foi "a terceira comunidade con máis incidencia entre poboación nova" e que a Atención Primaria "está desbordada". 

Consecuencias na saúde mental do persoal

Tamén desde Podemos denunciaron esta sexta feira “o colapso sanitario" nos centros de saúde galegos en plena quinta onda da pandemia debido á falta de persoal médico e de Enfermaría.

O secretario xeral da formación morada na Galiza e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, lamentou que os ambulatorios estean “sen capacidade” para atender a totalidade das demandas das e dos usuarias do Sergas ao tempo que “aumentan as listas de agarda para a atención telefónica". Denunciou a sobrecarga laboral ao non cubriren vacacións nin xubilacións coa consecuente "factura para a saúde mental" do persoal sanitario.