O Sergas cita persoas en corentena para a vacina: "Busca unha autocita, a ver se tes sorte"

Unha persoa recibe unha vacina nas instalacións habilitadas en Compostela (Foto: Europa Press).
Un mozo vigués perde a súa cita para recibir o fármaco porque foi citado nunha data na que deberá ficar no seu domicilio debido á corentena que está a cumprir por un contacto estreito positivo.

A descoordinación entre departamentos é a principal crítica que está a recibir o Servizo Galego de Saúde (Sergas) na xestión da pandemia.

Nós Diario ten acceso ao testemuño de Xurxo, un mozo vigués de 23 anos que foi citado para recibir a primeira dose da vacina na vindeira terza feira, 10 de agosto, unha data na que non poderá abandonar o seu domicilio ao estar cumprindo unha corentena por mor dun contacto estreito positivo.

"Chamei o Sergas, o teléfono de información sobre a Covid-19 e á central de seguimento para que me desen unha nova cita, mais ninguén soubo dicirme nada. 'Busca na web da consellaría, que aí deben explicalo' foi a única resposta que obtiven. Polo menos alí atopei o número de quen coordinan a vacinación", explica.

Porén, unha vez relatou a súa situación, non lle ofreceron unha nova data para se vacinar: "Dixéronme que teño que agardar a que pase o día para que conste que non asistín e me volvan incluír nas listaxes do Sergas. Advertíronme que podería demorarse e a solución que me deron foi actualizar todos os días a aplicación móbil do Sergas para ver se teño sorte e nalgún momento abren unha rolda de 'autocitas' no meu grupo de idade e podo reservar unha", lamenta.

A este respecto, Xurxo cuestiona a "falta de comunicación" que semella haber entre o servizo de vacinación e o de rastrexo: "Se non me poño en contacto eu con eles, ninguén se tería decatado das miñas circunstancias e tería perdido a cita coma se non quixese asistir".

Avances na campaña de vacinación

Por outra banda, na Galiza un total de 1.778.099 persoas contan xa coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 (72,4% da poboación total susceptíbel de recibir o fármaco), e até 1.961.822 teñen, cando menos, unha dose (79,9%).

Estes días continúan a ser chamadas as persoas de entre 20 e 29 anos, o grupo de idade que rexistra a maior incidencia acumulada a 14 días en todo o Estado español: 1.967 casos por cada 100.000 habitantes.