'Chis' Oliveira, oito meses despois de pasar pola UCI: "Todas as mañás sufro mareos e teño néboa mental"

Mercedes 'Chis' Oliveira, desde o hospital e na actualidade.

Oito meses despois de pasar pola UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Mercedes ‘Chis’ Oliveira, catedrática de Filosofía xubilada, padece Covid-19 persistente, mais leve. A súa terapia: camiñar a diario. Malia os mareos que sofre cada mañá e a "néboa mental", a próxima semana participa nunha palestra sobre pornografía e mocidade e no verán impartiu un curso dentro dun mestrado, "quero estar intelectualmente activa".

Como se atopa oito meses despois da súa estadía na UCI do Cunqueiro?

Afortunamente xenial. Eu atópome moi ben e estou moi contenta. Teño un estado de ánimo estupendo e creo que o que a min me valeu moito ir camiñar todos os días. Camiño a diario moito, hai días que chego aos 20 quilómetros. Ten para min un duplo beneficio porque trato de ir acompañada e camiñar falando resulta moi enriquecedor. Eu, que analizo todo o que está pasando, coido que manter conversas longas e profundas é moi bo para o funcionamento mental. Cando camiño e falo, activo conexións neuronais que teño un pouco tocadas.

Que pegadas deixou a Covid-19?

Dáme a sensación de que padezo un pouco do que chaman néboa mental. Calquera persoa da miña idade [63 anos] pode dicir “a min tamén me pasa”, mais comparo a situación de agora coa de antes da Covid e decátome de que teño máis esquecementos, máis despistes, máis, se cadra, lentitude. Non é nada grave, permíteme facer a vida normal, mais noto que non son a mesma. Se reviso algo que lin ou escoitei, digo “non me decata disto ou destoutro”. Presto menos atención.

Sempre tiven dificultade de concentración, nunca mo diagnosticaran, mais creo que sempre tiven o que chaman agora TDH, trastorno por déficit de atención e hiperactividade, e algo de dislexia. Iso que sempre tiven agora sígoo tendo, pero máis cargado de bombo.

E a nivel emocional?

Eu teño moi bo talante e son moi optimista. Estou moi ben, moi reconciliada co proceso que estou levando e non me pelexo comigo mesma. Porén, cando alguén me conta problemas ou cando teño que pelexar ou rifar por algún conflito, sinto que non podo. Isto é o que máis me afecta, non poder con problemas alleos, coa disidencia. O meu lévoo ben, mais non podo cargar cos problemas alleos.

A neumóloga que me atende no Cunqueiro dime: “grava na cabeza que só estás para ti”. Explicoume que a ansiedade provoca que os pulmóns se resintan. Sempre atendín moito as cousas alleas e fun porto de refuxio de moitas persoas, mais agora noto que non podo. Todo o que me está pasando ten unha causa neurolóxica posibelmente. Quen me rodean van pensar que son unha “jetas”.

Deixou a Covid-19 pegada física?

Teño unha flebite que non consigo quitar de enriba, pero é menor tamén. Nun pé e nunha man, que son sitios onde houbo vías e onde posibelmente as veas quedaron tocadas por dentro. Noto moita hipersensibilidade até o punto de doerme ou molestarme o roce dunha manga de algodón ou dunha saba. Xa fun ás urxencias algunha vez e dixéronme que iso non é flebite porque non ten signos externos, que é unha sensación miña.

Tampouco sei se é neuronal ou físico mais teño todas as mañás mareos. Non chega a ser vertixe, é algo moito máis leve, mais todas as mañás estou marea. Antes das 11 ou 12 horas non quero facer nada. Chegou a verme o otorrino e este derivoume a Neuroloxía. Hai 15 días conseguín a cita para o 22 de febreiro. Esa é outra! Para ir ao otorrino, tiven que pór unha reclamación en atención ao paciente e grazas a iso déronme prioridade, mais esta néboa mental que teño fai que calquera trámite me custe moito. Tería que volver reclamar, para que me atendese antes a neuróloga, pero se podo co mareo, non o vou facer. Dígome a min mesma “tranquilidade”.

Lévanlle un control despois de oito meses da Covid?

Si, sobre todo a neumóloga. Vou bastante, porque ademais estou en estudos de investigación. Hai quen me di que boa gana teño, pero que menos! Despois de que me salvasen a vida, quero contribuír. Esta enfermidade hai que investigala.

Nas súas redes sociais narrou en primeira persoa o vivido coa Covid e iso achegouna a outras afectadas e afectados pola enfermidade.

A xente que ten isto contáctate, hai moitas persoas que contactaron comigo, mesmo polas redes, e que están moitísimo peor ca min e sen pasar pola UCI. Moita xente que non estivo nin ingresada ten secuelas peores. Isto tamén mo dixo a neumóloga. Eu por iso lle recomendo a todo o mundo o de camiñar. Paréceme que foi a chave da miña boa recuperación. Hai xente que ten todos estes efectos que deixa a Covid persisitente, porque moitas veces non son secuelas, é como que a doenza non marchou.

Insisto na necesidade de diferenciar entre secuelas e Covid lento ou persistente, que afecta máis as mulleres que os homes. Todo o que che relatei é Covid persistente mais nun grao moi tenue. Vexo xente que ten o mesmo ca min mais moi esaxerado e iso impídeche facer unha vida normal. Hai quen sofre moitos achaques e, por riba, como a PCR dá Covid negativo e carecen de síntomas visíbeis, teñen que traballar porque non lles dan a baixa.

Coido que habería que reparar máis na Covid persistente, e non o digo por min, que podo perfectamente con ela, mais coñezo a quen ten 40 anos e, cunha saúde de ferro e hábitos de vida saudábeis, ficou tocado do corazón, ou a quen seis meses despois do seu negativo tivo que ir facer un TAC porque tuse todas as noites. Hai mesmo secuelas en persoas que pasaron a enfermidade sendo asintomáticas.

Como catedrática de Filosofía, que sociedade está a deixar a Covid e todo o que implica?

Hai tantas sociedades! Vexo moita xente preocupada, triste, mais tamén vexo que a xente espera a que abran os bares. A xente maior está realmente preocupada e mantense autoconfinada. A Covid afecta dunha maneira moi desigual. O positivo é que a xente fai un uso da cultura que non facía tanto. Lese máis e vese máis cinema na casa e iso impregna as conversas. As redes tamén ferven... En fin, toca esperar tempos mellores e a vacina xa está aí, ás portas.

Temos que estar moi atentas para salvagardar a nosa sanidade pública. Eu bótome a tremer cando escoito que o hospital de Vigo foi comprado por un fondo voitre, porque sabes que onde hai privatización, hai negocio e os intereses das persoas pasan a un segundo plano. A min salváronme a vida sen escatimar un can. É moi importante termar moito da sanidade pública e que non nola leven.