David Chipperfield, Antón Costas e José Manuel Fernández ingresan na Real Academia Galega das Ciencias

O arquitecto David Chipperfield, o economista Antón Costas e o físico José Manuel Fernández de Labastida. (Foto: RAGC)

Converteranse en novos académicos da institución polos méritos acadados nos seus respectivos campos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) engrosa este 2024 a súa relación de académicos correspondentes con tres novas incorporacións: o arquitecto David Chipperfield, o economista Antón Costas e o físico José Manuel Fernández.

Segundo trasladou a RAGC a través dun comunicado, o recoñecido arquitecto londinense David Chipperfield ingresará na sección de Ciencias Técnicas, pois trátase “dunha das figuras máis eminentes e prestixiosas da arquitectura contemporánea".

Chipperfield conta con varios recoñecementos, como o premio Royal Institute for British Arquitects, co que foi galardoado en varias ocasións, así como a Medalla de Ouro Heinrich Tessenow. Tamén recibiu o Wolf Foundation Prize in Arts e foi galardoado co Premio Pritzker de arquitectura en 2023, entre outros recoñecementos.

Entre as súas obras máis relevantes destaca a reforma de varias salas da Royal Academy of Arts de Londres ou a Torre Bryant en Nova York. No Estado español proxectou a Cidade da Xustiza de Barcelona e o Pavillón Copa de América en Valencia.

O arquitecto ten unha "profunda relación coa Galiza", pois impulsou a fundación RIA, centrada na planificación territorial estratéxica que conecta os desafíos globais de sostibilidade co contexto local. Ademais, abriu recentemente un estudo de arquitectura en Compostela e ten a súa residencia de verán en Corrubedo, no concello de Ribeira (O Barbanza).

Pola súa banda, o catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Manuel Fernández Labatista ingresará na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Foi decano da facultade de Física e director da Escola de Doutoramento da USC, desempeñou varios cargos de responsabilidade no Ministerio de Ciencia e Innovación, e desde 2021, é xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación.

Ao longo da súa traxectoria profesional traballou na Teoría Cuántica de Campos, Teoría de Cordas e Teoría de Nós, entre outras. Ademais, recibiu premios como o da Real Sociedade Española de Física.

Por último, o economista vigués e actual presidente do Consello Económico e Social de España, Antón Costas, ingresará na sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.

Costas é catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona e os seus principais intereses céntranse nos procesos de formación das políticas públicas, particularmente nos procesos de reforma económica, dos que fala nalgunhas das súas publicacións.