Pode o gromo de Covid-19 da China provocar unha nova vaga de contaxios en Europa?

Concorrida zona de restauración en Beijing, o pasado 25 de decembro. (Foto: Zhang Chenlin / Xinhua News)
O número de casos rexistrou unha cifra récord no xigante asiático o pasado mes.

O Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés) descarta que o recente aumento de casos da Covid-19 na China vaia afectar a situación epidemiolóxica en Europa, debido principalmente á alta inmunidade da poboación europea e a que non se produciron novas variantes.

"As variantes que circulan na China xa circulan na UE, polo que non supoñen un reto para a resposta inmunitaria dos cidadáns da Unión. Aliás, os cidadáns europeos teñen niveis de inmunización e vacinación relativamente altos", asegurou o organismo europeo esta terza feira a través dun comunicado.

Neste senso, o ECDC insiste en que, "dada a maior inmunidade da poboación na UE, así como a aparición previa e a posterior substitución das variantes que circulan actualmente na China por outras variantes de ómicron en Europa, non se espera que un aumento de casos na China afecte a situación epidemiolóxica da Covid-19 na UE".

Actualmente, en territorio chinés as principais variantes que circulan son derivadas de ómicron, con BA.5.2 como a máis dominante (35%), seguida de BF.7 (24%), BQ.1 (18%), BA.2.75 (5%), XBB (4%) e BA.2 (2%). Ademais, a partir de casos relacionados con viaxes, tamén se detectou que circulan na China as variantes BA.5.6, BA.4.6, BM.4.1.1 e BA.2.3.20. Non se detectou, porén, ningunha variante nova.

O número de casos de Covid-19 alcanzou xa unha cifra récord na China, co seu pico máximo o pasado 2 de decembro. Nas últimas tres semanas, a incidencia diminuíu, probabelmente debido tamén a que se realizou un menor número de probas, sostén o ECDC, o que deu lugar a que se detecten menos infeccións.

En calquera caso, o organismo apunta que "segue habendo unha falta de datos fiábeis sobre os casos de Covid-19, os ingresos hospitalarios, as mortes, así como a capacidade e a ocupación das unidades de coidados intensivos (UCI) na China".

"Nas próximas semanas prevense altos niveis de infeccións por SARS-CoV-2 e unha maior presión sobre os servizos sanitarios da China, debido á baixa inmunidade da poboación e á relaxación das intervencións non farmacéuticas", vaticinan desde o ente comunitario. O ECDC, canda os estados membro da Unión e mais a Comisión Europea, aumentou as súas actividades de vixilancia e avanzou que "revisará as avaliacións de risco e axustará as accións se for preciso".

Ao mesmo tempo, o organismo europeo asegura que está a traballar "estreitamente" coa Organización Mundial da Saúde (OMS) en Europa e a nivel mundial, e está en "contacto regular" co Centro Chinés para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC da China) e os principais CDC de todo o planeta.

Certificado Covid

Debido a este gromo de coronavirus no xigante asiático, o Goberno español vén de decretar a obrigatoriedade de presentar un certificado Covid dixital amparado pola UE para todos os cidadáns e cidadás chinesas que aterren no Estado a partir desta mesma terza feira.