O 'Chicle', declarado culpábel polo xurado popular de agredir sexualmente e asasinar a moza Diana Quer

O 'Chicle' foi declarado culpábel por unanimidade do xurado [Europa Press]

A decisión foi tomada por unanimidade e os feitos probados abren a porta a que o xuíz poida decretar unha sentenza de prisión permanente revisábel

O xurado popular declarou por unanimidade o Chicle, Enrique Abuín, culpábel de agredir sexualmente a moza Diana Quer e de matala intencionadamente logo de cometer a agresión, coa intención de ocultar o primeiro delito que cometeu. Este é un dos feitos probados que deixa a porta aberta á prisión permanente revisábel, malia non se determinar que a violou.

Os membros do xurado determinaron que o único acusado do crime, espiu a moza e «realizou con ela actos de contido sexual que non se puideron determinar». O veredicto determina, con todo, que non se pode probar que o Chicle a violase ou a intentase violar.

Non obstante, o feito de o acusado matar a moza Diana Quer co obxectivo de ocultar o primeiro delito que cometeu -isto é, un crime subseguinte a outro, como é o da agresión sexual- posibilita que finalmente o xuíz poida decretar unha sentenza de prisión permanente revisábel.