Xuízo do caso Diana Quer: Sen rastro de xornalismo nin perspectiva de xénero

Xornalistas preguntan ao pai de Diana Quer ás portas dos xulgados (Europa Press).
Morbo, drama e sensacionalismo. Son os recursos habituais dos medios de comunicación que desde o pasado 11 de novembro seguen a diario o xuízo contra José Enrique Abuín, o Chicle, polo asasinato de Diana Quer en agosto de 2016. Esta evidencia é froito do traballo de vixilancia da asociación Xornalistas Galegas.

Non é a primeira vez que Xornalistas Galegas emprende un proxecto de observación e análise dunha experiencia xornalística relacionada coa representación da muller nos medios, o seu papel como xeradoras de opinión ou como fontes expertas capaces de achegar visións e realidades que moitas veces quedan sen contar.

O traballo de alerta e vixilancia forma parte da súa natureza. Desde hai uns días xira ao redor do proceso xudicial contra José Enrique Abuín, o Chicle, polo asasinato de Diana Quer hai máis de tres anos.

Estamos ante un caso moi mediático, que adoece de prácticas profesionais comprometidas cunha perspectiva de xénero desde o primeiro día.

«A idea xurdiu pouco despois de que se fixara a data do xuízo. Decatámonos de que co inicio dese proceso abriríase paso unha sucesión de testemuñas, probas e declaracións que ían alimentar un caso moi mediático, que adoecía de prácticas profesionais comprometidas cunha perspectiva de xénero desde o primeiro día», explican desde a asociación.

Dalgunha maneira, din, «sabiamos que a cobertura do proceso xudicial ía ser un exemplo de como non se deben facer as cousas». E o tempo deulles a razón.

Narrativa machista e xustificante

Portadas, titulares, informativos radiofónicos e reportaxes televisivas centran o labor de control e advertencia que Xornalistas Galegas desenvolve de forma paralela ao xuízo e que comentan a diario nas súas redes sociais.

Informacións inzadas de sucesos dramáticos que buscan a audiencia fácil e denotan unha falta de ética e sensibilidade profesional cara a familia da vítima.

«O que descubrimos cada días nos xornais, nos medios dixitais e nos programas de televisión é o que agardabamos», sinalan. Informacións inzadas de sucesos dramáticos, terroríficos, desprovistos de contexto que buscan «a audiencia fácil» e denotan unha falta de ética e «sensibilidade profesional cara a familia da vítima».

Sociedade patriarcal

O relato dos feitos, creado a partir «dunha narrativa que reproduce un modelo baseado nos estereotipos machistas», consolida unha visión da violencia machista afastada do patriarcado, destacan desde Xornalistas Galegas.

En xeral, afirman, os medios «presentan o acusado como un monstro, unha aberración, e non como un produto da sociedade patriarcal. Falan do caso como un feito cruento e illado sen contextualizar os feitos nin explicar que todo forma parte do mesmo fío».

O asasinato de Diana Quer é resultado da normalización desa orde patriarcal que ao longo do ano deixou outras cinco mulleres asasinadas na Galiza.

Segundo contan a Sermos Galiza, é fundamental que os medios e as xornalistas escapen de calquera práctica que convide a xustificar a violencia machista; e insisten na necesidade de facer fincapé en que o asasinato de Diana Quer «é resultado da normalización desa orde patriarcal que ao longo do ano deixou outras cinco mulleres asasinadas na Galiza».

A familia da vítima

Xornalistas Galegas tamén salienta a responsabilidade dos medios á hora de retratar a familia de Diana Quer. «O pai da vítima preséntano como un heroe que se arrepón da traxedia, mentres que mostran a nai e a irmá como dúas persoas fráxiles, delicadas, quebradas mentalmente e incapaces de xestionar as súas emocións».

Os clixés, o morbo, o sensacionalismo, a banalización das vidas e da violencia dominan as informacións sobre o xuízo contra José Enrique Abuín. 

O pai da vítima preséntano como un heroe que se arrepón da traxedia; a nai e a irmá como dúas persoas fráxiles incapaces de xestionar as súas emocións.

Se ben, aprecian «unha diferenza entre o tratamento que se lle dá nos informativos», tanto da radio como da televisión, «e como se aborda nos programas matinais e nas webs», moito máis agresivos á hora de resumir o relato xudicial e as reaccións das persoas afectadas.

Segundo Xornalistas Galegas, «sobran prácticas profesionais que co código deontolóxico na man non teñen explicación nin defensa ningunha» e falta perspectiva de xénero. Son conscientes, din, de que é un feito complicado e pouco agradábel de contar pero «iso non significa que estea xustificado o relato dos medios que estes días seguen o xuízo, que nalgún caso mesmo falan de piropos cando deberían aludir directamente ao acoso como unha forma máis de violencia». 

Xornalistas Galegas

Xornalistas Galegas é un colectivo de mulleres profesionais das Ciencias da Comunicación que desenvolven a súa actividade na Galiza en defensa dun xornalismo feminista e con perspectiva de xénero. 

Desde a súa fundación, en xullo de 2018, a asociación defende a responsabilidade de xornalistas e medios de comunicación na transmisión dos valores da igualdade.

Na orixe desta nova iniciativa, centrada no xuízo do caso Diana Quer, está o seu compromiso cunha información de calidade, con perspectiva de xénero, que acabe coa banalización da muller, e nomeadamente, da violencia machista.

«Existe unha violencia estrutural contra as mulleres que moitas veces pasa desapercibida», apuntan. «E vímolo tamén durante a cobertura do triplo feminicidio de Valga». Daquela, como agora, din, «o uso da linguaxe, do dramatismo e de fontes inadecuadas que non achegan ningún dato relevante», foi xeral.

As súas achegas responden ás recomendacións da guía práctica para o tratamento da violencia contra a muller do Colexio Oficial de Xornalistas da Galiza, do manual para o tratamento da violencia machista da Unió de Periodistes Valencians e da Declaración de Compostela, que insta a adoptar «un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta».