Acusado de atentado contra a autoridade no despexo do Escárnio e Maldizer

Chema Naia: "Intentaron montar este relato para ocultar a brutalidade daquel día"

Chema Naia denunciou unha agresión policial na manifestación contra o despexo do Escárnio e Maldizer (Foto: Nós Diario).
Cando a Policía desaloxou en maio de 2017 o centro social autoxestionado Escárnio e Maldizer (Compostela), Chema Naia apenas tiña 19 anos. Na manifestación posterior contra o despexo, asegura, foi "golpeado por dous axentes até caer tendido no chan". Porén, en decembro será xulgado por un presunto delito de atentado contra a autoridade.

-O vindeiro 20 de decembro comezará o xuízo no que se lle imputan os presuntos delitos de atentado contra a autoridade e lesións. Cando tivo coñecemento desta citación?

O proceso contra min iniciouse en 2017, após a manifestación contra o desaloxo do Escárnio e Maldizer, e hai uns meses notificáronme a apertura do xuízo oral. Acúsanme de agredir dous antidisturbios cun obxecto contundente, o mastro dunha bandeira... Mais eu estaba tendido no chan. Intentaron montar ese relato para non recoñecer a brutalidade policial daquel día, cunhas 50 persoas feridas, algunhas de gravidade.

Eu era un rapaz de 19 anos e estaba comezando a me achegar á actividade política, e o principal xornal da capital galega sinaloume como unha persoa con experiencia activa na loita antifascista en cidades nas que nunca estivera.

A Fiscalía dixo que un mozo de apenas 60 quilogramos de peso fora capaz de reducir dous antidisturbios. Non teñen probas, é a súa palabra contra a miña, mais xa sabemos que a súa presunción de veracidade está por riba da miña presunción de inocencia.

-Os sucesos que describe decorreron na tarde do 30 de maio de 2017. Que lembra daquela multitudinaria manifestación polas rúas de Compostela en contra do despexo do CSOA Escárnio e Maldizer?

Eu participara de diversas actividades no Escárnio e Maldizer, e cando me informaron do desaloxo [a primeira hora dese mesmo día] decidín acudir á manifestación para amosar o meu apoio. Eu estudaba na Facultade de Historia e ao saír fun directamente á praza do 8 de marzo.

Partimos cara á zona vella, e á altura da praza do Pan, a Policía cortounos o paso e comezou cargar contra nós, eu escoitaba disparos de pelotas de goma. Dividímonos en dous grupos e a meirande parte da xente correu cara á dereita; eu, cara á esquerda. Dous antidisturbios que acababan de baixar dun furgón e aínda nin puxeran o casco golpeáronme fortemente na cabeza e caín ao chan. Tiña un traumatismo craneoencefálico.

-Mais naquel momento, malia a gravidade das lesións, non o levaron directamente a un hospital, senón que o dirixiron á comisaría para cursar a súa detención.

Eu estaba practicamente inconsciente no furgón, e aí comezaron a insultarme e ameazarme: "Espile, que non te imos levar ao hospital! Ímoste matar! Vas flipar na Coruña, que alí téñenche ganas...".

Tras pasar pola comisaría por fin me levaron ao hospital, e logo de ser atendido a doutora quería que quedase en observación, mais os axentes policiais presionaron para que volvese. "A túa moza e a túa familia están preocupadas por ti, debes volver á comisaría porque desde aquí non te imos deixar chamar", dicían.

Eu presentei unha denuncia contra eles que foi admitida a trámite, chegou á fase de instrución e tiveron que declarar no xulgado. Conseguimos imputar tres policías por omisión do deber de socorro, lesións, vexacións e un delito contra a integridade moral, mais a denuncia incluíuse no proceso aberto a doce persoas no marco dunha macrocausa contra nós. Só quedo eu imputado.

-O pasado 10 de xullo presentouse en Compostela o grupo de apoio 'Chema Absolución', como valora os apoios que está a recibir de cara á súa cita nos xulgados?

Agradezo moito o apoio da miña familia, as miñas amizades e persoas desinteresadas que están a axudar, tanto a nivel económico como en materia de asesoramento legal. Realizaremos diferentes actividades estes meses de cara ao xuízo.

Queremos denunciar publicamente o meu caso e crear un clima de opinión, porque este é un problema común que afecta a todas e todos os que nos implicamos nas loitas sociais, e queremos actuar desde o plano colectivo.

-Como afronta vostede o xuízo?

Agora mesmo estou tranquilo e moi convencido de gañalo porque sei que non teñen nada contra min, mais sempre é un fastidio terte que enfrontar a un xuíz, hai un gran desgaste persoal. Cando se vaia achegando o 20 de decembro seguramente estarei máis nervioso, son un ser humano...

O desaloxo do Escárnio e Maldizer

O despexo do Centro Social Okupado Autoxestionado (CSOA) Escárnio e Maldizer, situado na rúa da Algalia de Arriba de Compostela, decorreu na mañá do 30 de maio de 2017 após máis de tres anos de palestras, concertos, feiras de libros, asembleas, grupos de coidados, obradoiros e outras actividades.

En sinal de repulsa foi convocada unha manifestación, apenas unhas horas despois, na praza do 8 de marzo, que percorreu as rúas da capital até a praza do Pan —Cervantes—, onde un amplo dispositivo policial cortou o paso de cara á rúa do Preguntoiro e comezou cargar contra as persoas mobilizadas.

En febreiro de 2019, un grupo de activistas volveu ocupar o espazo, tapiado un tempo atrás polos propietarios do inmóbel, que foran quen cursaran a orde xudicial que provocou o despexo.