“Cheguei de Madrid á Galiza en avión sen ningún tipo de control”

Terminal T4 do aeroporto de Madrid (Imaxe: Europa Press).

De Madrid ou de Barcelona. Nos últimos días, con motivo da ponte do 19 de marzo e coa proximidade da Semana Santa, chegan á Galiza vía aérea numerosas persoas que non se ven sometidas a ningún tipo de control malia estar o territorio galego fechado.

A pasada semana, aproveitando a ponte do 19 de marzo, Marta, veciña da Coruña que traballa en Madrid, viaxou até a cidade herculina por motivos laborais e reecontrouse coa familia. “Esperaba atopar control policial tanto en Barajas como en Alvedro para evitar a mobilidade entre territorios do Estado e non vin ningún nin na ida nin na volta”, sinala, en declaracións a Nós Diario.

“Levaba o xustificante da empresa e, o propio día en que viaxei, realicei un test de antíxenos en Madrid para non pór en risco aos meus pais, xa que aproveitei para velos”, explica. “Mais non entendo que, sabendo que nos atopabamos a un paso da ponte San Xosé, non houbese ningún tipo de control nas terminais, cando menos, polo efecto disuasorio que produce”, engade.

De Barcelona a Vigo, sen controis

No día de onte chegaba a Vigo procedente de Barcelona Manuel, que tamén voaba con xustificante por motivos persoais. “Nos últimos tres meses tiven que viaxar de Barcelona a Vigo con frecuencia debido á enfermidade dun familiar e nunca vin controis”, revela. “Esperaba que onte, a un día de dar comezo as vacacións escolares e as de moitas e moitos traballadores, me pedisen o xustificante, mais había a mesma presenza policial que sempre, non notei diferenza ningunha a respecto doutras semanas”, di.

Rafael é natural de Vigo e traballa nunha multinacional en Madrid. Aínda que finalmente “por responsabilidade” non viaxará á Galiza, a principios de mes “estiven a piques de comprar un billete de avión para ver á familia na Semana Santa, aproveitando que a empresa nos dá vacacións desde o 26 de marzo ao 5 de abril”. “Remordíame a conciencia e de aí que finalmente optase por quedar en Madrid a próxima semana, mais estaba convencido de viaxar en avión porque as veces que voltei a Vigo non atopei ningún tipo de control da mobilidade entre territorios, malia estar a Galiza fechada”, di.

A resposta de Aena e da Garda Civil

En resposta a Nós Diario, Aena, que remite aos gabinetes de comunicación das forzas e corpos de seguridade do Estado, non informa da existencia ou non de controis policiais nos aeroportos galegos.

A Garda Civil explica a Nós Diario que, con motivo da Semana Santa, incrementarán os controis nas terminais de Rosalía de Castro-Lavacolla, Alvedro e Peinador e confirma que teñen pedido xustificación ás viaxeiras que chegan en avión. Porén, non ofrece cifra ningunha ao respecto, “non as facilitamos, iso correspóndelle a Aena”.

Nin Aena nin as forzas e corpos de seguridade do Estado fornecen os citados datos. O control de aeroportos e fronteiras é competencia do Goberno estatal e, á vez, a Xunta da Galiza afronta o cumprimento das medidas de restricións sen unha policía autonómica de seu, ao contrario do que acontece en Euskadi, Nafarroa, Catalunya e mesmo nas Canarias e na rexión de Madrid.

E no tren?

Manuel viaxa cada día entre A Coruña e Compostela, para traballar, a través dos camiños de ferro. “Desde o 1 de xuño que voltamos ao traballo presencial até hoxe só vin tres controis. Unha vez que pasabas o arco de seguridade, axentes da Policía Nacional -que sempre teñen presenza na estación da Coruña-, pedían o documento que xustificase a viaxe”, sinala. “En Compostela non vin nunca controis para comprobar a mobilidade”, engade.

Xosé tivo que desprazarse a Madrid por motivos laborais hai tres semanas. Optou por viaxar nun tren Alvia, “nin en Compostela nin na estación madrileña de Chamartín vin ningún tipo de control de mobilidade”.

Xunta e Goberno estatal

Fontes da Delegación do Goberno estatal na Galiza aseguran a Nós Diario que a quinta feira da pasada semana, o día 18, chegaron ao aeroporto de Alvedro "280 persoas fronte ás 5,5 millóns de persoas que se moveron no interior do territorio galego". "Chámanos a atención que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anime á mobilidade interna", apuntan estas fontes.

As declaracións enmárcanse no cruzamento de acusacións entre Goberno estatal e Xunta da Galiza. O Goberno galego, malia non dar pasos para crear un corpo de policía propio, acusa a Delegación do Goberno estatal de non facer cumprir as restricións.