Chegan as primeiras cifras de desaloxos polos incendios: máis de 700 persoas e 30 núcleos de poboación

Incendio na Pobra de Brollón. (Foto: Europa Press)
As lapas afectan xa máis de 9.000 hectáreas en todo o país.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou do desaloxo de 30 núcleos de poboación polos incendios activos agora mesmo na Galiza, que calcinaron máis de 9.000 hectáreas e obrigaron a evacuar máis de 700 persoas.

En declaracións aos medios no concello da Pobra do Brollón, Rueda asegurou que "están a traballar todos os efectivos dispoñíbeis" para apagar a decena de lumes superiores ás 20 hectáreas que permanecen activos na Galiza. Os concellos máis afectados son Folgoso do Courel, con 4.000 hectáreas calcinadas, e os municipios do Barco e Carballeda de Valdeorras, con 3.000 hectáreas queimadas.

O presidente galego sinalou que esta vaga de incendios comezou a pasada quinta feira debido a un "fenómeno absolutamente inusual e non propio da Galiza": unha tormenta eléctrica que deixou perto de mil raios repartidos por todo o país.

O dirixente lamentou que "as últimas horas foron moi complicadas porque os incendios na súa maioría xa estaban perimetrados e empezaban a súa fase de control", pero "o vento reavivou e provocou intres moi difíciles" na tarde e noite do domingo.

Medidas de control e axudas

Rueda informou da presenza de tres grandes cisternas da Axega "traballando de forma total" nas zonas máis afectadas, sendo a "primeira vez que teñen que ser activadas". En total, o operativo conta con máis de 400 efectivos e 50 motobombas.

O presidente da Xunta da Galiza apuntou que a "prioridade" agora é controlar os incendios, mentres que asegurou que se van a avaliar danos "e ver as axudas que sexan necesarias".

Rueda subliñou que agarda que se poidan apagar "canto antes" estes lumes, aínda que o vento e o aumento das temperaturas "complica moito a extinción".

Por último, agradeceu a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e dos "grandes profesionais de extinción de incendios" cos que conta a Galiza.