"Vacacións en Paz"

325 crianzas saharauís pasarán o verán na Galiza

Crianzas saharauís

Os interruptores da luz, as cisternas, o mar, as piscinas, a froitas que penden das árbores… até as escaleiras. Para as crianzas que nunca saíron dos campamentos de refuxiados de Tindouf viaxar a Galiza é estrear unha nova ollada. Unha ollada que os leva a un mundo abraiante alén do deserto. Esta fin de semana chegan a Lavacolla as 325 participantes do programa “Vacacións en Paz”.

Procedentes de Tindouf, as primeiras crianzas saharauís chegaron na mañá do sábado ao aeroporto de Compostela para pasar dous meses de vacacións na Galiza ao abeiro da iniciativa “Vacacións en Paz”. O resto farao este domingo. Nesta ocasión, pasarán o verán no país un total de 325 crianzas que, amais de ter a posibilidade de fuxir da calor extrema do estío no deserto, poderán ser sometidas a revisións médicas das que non dispoñen no campamento de refuxiados.

Maite Isla (SOGAPS) deu conta das dificultades económicas sufridas este verán

Á chegada do primeiro avión coas crianzas, Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), advertiu en declaracións aos medios dos “moitos obstáculos económicos” que padeceron este ano. E é que vinte días antes da data de chegada das crianzas, comunicóuselle á asociación que debería pagar por adiantado os billetes. Foi necesario, segundo Maite Isla, pedir un crédito de 150.000 euros para facerlle fronte á situación.

A presidenta de SOGAPS puxo de manifesto que, amais das revisións médicas dos cativos e cativas, outra das finalidades de “Vacacións en Paz” é aumentar a sensibilización política a respeito da ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos. Á chegada das crianzas a Lavacolla asistiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a deputada do BNG Montse Prado, quen recentemente visitou os campamento coa delegación galega de SOGAPS.

Piscina, praia, xeados…

Entre as crianzas que chegaron a Galiza atópanse nenos e nenas que xa gozaron do programa “Vacacións en Paz” no país ou noutros puntos do Estado. Tamén chegaron crianzas que viaxaban por vez primeira. Sexa dun ou doutro xeito, todos os nenos e nenas coinciden en sinalar o mesmo: as ganas de bañarse no mar e nas piscinas. Así, ben o coñezan por fotografías que levan os seus veciños de haima no campamento, ben o coñezan por teren estado no país outro verán, os nenos e nenas devecen por todo o que teña a ver coa auga.

Alén da praia e da piscina, as crianzas fican abraiadas cos interruptores da luz, coas cisternas dos inodoros, coas camas e mesmo coas escaleiras. Nos seus primeiros días de estadía é habitual que os pais e nais de acollida coloquen baixo as camas colchóns ou coxíns para tratar de salvar as caídas das crianzas durante a noite –afeitas a durmir en finos colchóns no chan das haimas- e que os nenos e nenas suban e baixen os chanzos das escaleiras agachadas, axudándose das mans.

 

Comer xeados, que ao principio espertan rexeitamento nas crianzas pola baixa temperatura, e comer as froitas que arrincan das árbores son outras das experiencias preferidas polos rapaces e rapazas. Todo o novo cáusalles curiosidade e divertimento a partes iguais en dous meses de verán que viven alén do deserto. Aínda que poida semellar o contrario, cando chega o momento de regresaren, os rapaces e rapazas parten cun sorriso nos beizos porque voltan coa súa familia “de verdade” ateigados de agasallos e cunha experiencia única gardada para sempre na mochila até o ansiado día en que remate a ocupación.