A chegada á Galiza dos trens Avril segue sen data malia estar comprometida para antes de xullo

Un dos convois que fabrica Talgo. (Foto: Europa Press)
Renfe avanza que penalizará a compañía fabricante, Talgo, por incumprimento de contrato, ao tempo que Alfonso Rueda acusa o Goberno estatal de "buscar culpábeis sen dar solucións".

Talgo recoñeceu esta quinta feira "determinados atrasos" nos prazos de entrega a Renfe de 30 trens de moi alta velocidade S106 e asegurou que estes se deberon principalmente a "causas de forza maior", segundo comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Entre os factores que ocasionaron este atraso, a compañía destacou as caídas de produción e interferencias na cadea de subministración con motivo da Covid-19 e outros "eventos xeopolíticos". Aliás, sinalou que outros factores son causas "exóxenas" a Talgo que están a provocar atrasos nos procesos de probas e tamén de homologación.

"O proxecto atópase actualmente en proceso de probas dinámicas e homologación e espérase poder terminalas proximamente", indicaron desde Talgo.

Postura de Renfe

Esta cuarta feira Renfe, "tras constatar o atraso por parte de Talgo", avanzou que está a analizar o contrato para determinar as "posíbeis penalizacións correspondentes", xa que a entrega das primeiras unidades estaba prevista para xaneiro do ano pasado e "desde a empresa construtora non se fixou data de entrega definitiva".

Talgo obtivo a adxudicación da fabricación dunha trintena de trens de alta velocidade dos que 15 unidades serán de ancho variábel —podendo circular por vía convencional e estándar—.

O investimento nestes trens é de 786,5 millóns de euros. Renfe indicou que permitirán mellorar a súa oferta en todo o ámbito AVE-Longa Distancia e apuntou que a súa frota non aumentou nos últimos anos, mais si as relacións ferroviarias.

Rueda acusa o Estado de "buscar culpábeis sen dar solucións"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cre que o Ministerio de Transportes está agora tentando "buscar culpábeis" ante o atraso da posta en funcionamento dos Avril na Galiza, mais segue sen achegar "certezas" sobre cando será.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno desta quinta feira, o presidente foi preguntado sobre a intención de Renfe de penalizar Talgo polo incumprimento do contrato para a chegada destes trens, que estaba comprometida para antes de xullo. Dixo que é "máis un tema interno" do Ministerio que "non soluciona á Galiza nin aos galegos o fundamental", que é saber "cando" van chegar estes convois e se se van poder aproveitar "algún mes deste ano que, desde o punto de vista turístico, está a ser espectacular".

De feito, Rueda ligou a intención do Estado de sancionar Talgo coa carta que el mesmo enviou esta semana á ministra de Transportes, Raquel Sánchez, para indicarlle que se ía cumprir o prazo sen saber "nada" sobre os Avril.

Pontón lamenta os "constantes atrasos"

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou a "constante" dos "atrasos" na Galiza en cuestións relacionadas co ferrocarril e urxiu a chegada dos trens Avril, á vez que matizou que "o debate non son só os trens", senón a modernización de toda a liña ferroviaria no país.