A chegada á Galiza de residuos industriais de fóra triplicouse nesta década
O tratamento do lixo, residuos e refugallos é un dos grandes retos aos que deben de facer fronte as diferentes Administracións, fixando protocolos e plans de actuación e destinando partidas económicas a tal efecto. Un deses grupos é o dos residuos industriais, que supuxo na Galiza en 2021 —último ano consolidado— máis de 2.500.000 toneladas, das que ao redor de 7% corresponde con residuos perigosos, perto de 179.000 toneladas.
Na Galiza tamén son xestionados residuos procedentes doutros territorios do Estado e mesmo doutros países. En concreto, 19% dos residuos xestionados na Galiza no período 2015-2020 procedían de fóra —segundo consta no proxecto do Plan de xestión de residuos industriais da Galiza (Priga) 2023-2030— cun máximo de 23% en 2020.
Os datos permiten retroceder máis atrás de 2015. Así, en 2013 a cantidade de refugallos industriais foráneos que entraban na Galiza para ser xestionados abeiraba as 217.000 toneladas. Sete anos despois a cifra supera as 634.000, triplicándose. "A maior parte destes residuos proceden doutras comunidades autónomas, aínda que tamén se reciben residuos doutros países, sendo o destino prioritario a valorización. Sen embargo, nos últimos anos a porcentaxe destes residuos destinados á eliminación aumentou respecto dos anos anteriores", recóllese no documento do Priga.
Diferenza
A porcentaxe de residuos totais non perigosos atinxe 93% (2.600.713 toneladas), fronte aos perigosos, que son 7% (201.787 t), segundo recolle o informe de seguimento do Plan de xestión de residuos industriais da Galiza.
No período analizado (2014-2018), este tipo de residuos segue unha tendencia descendente, "clara e constante", segundo destaca este informe. Así, en 2016 alcanzouse o nivel máximo de produción (con 3.061.306 t) e os datos de 2018 (2.802.501 t) "revelan unha redución de 8,5% na xeración de residuos industriais coincidindo cos dous primeiros anos de vixencia do plan".
Do total de residuos xestionados na Galiza —2.875.868 t, contando tanto os que se producen na comunidade como os que proceden noutras zonas pero trátanse en territorio galego—, o documento reivindica que "se logrou alcanzar en 2018 unha porcentaxe de xestión de valorización de residuos industriais de 82% (2.367.272 t) fronte ao 18% (508.596 t) da xestión por eliminación".
Isto quere dicir que 82% dos residuos industriais que se xeraron na Galiza valorizáronse, o cal significa que se incineraron e produciron enerxía ou se reciclaron, reutilizaron, etcétera. 18% restante foron a vertedeiros, 78% (1.803.071 t) dos residuos non perigosos valorizáronse fronte a 15% (354.738 t) que foron ao vertedeiro .
Refugallos perigosos
No caso dos residuos perigosos, 52% (50.780 t) foron destinados á valorización fronte a 45% (43.695 t), que acabaron en entulleiras. Territorialmente, as provincias da Coruña e Pontevedra "seguen concentrando a produción de 89% dos residuos industriais", segundo recolle o mencionado documento. Contabilizáronse ao redor de 750 plantas autorizadas para o tratamento e almacenamento de residuos industriais cunha capacidade máxima de tratamento superior aos 12,5 millóns de toneladas ao ano, moi por riba da que se emprega.
Outro aspecto é o das verteduras industriais perigosas. Aquí, o Censo Nacional de Verteduras que elabora o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) permite tomar o pulso anualmente ás verteduras autorizadas que se producen no Estado español, tanto no dominio público hidráulico como no marítimo. É dicir, tanto os que van ás augas costeiras como os que van aos ríos, ás lagoas ou mesmo ás augas subterráneas.
360 millónsde metros cúbicos
O último informe, publicado en 2022, indica que na Galiza hai 730 verteduras autorizadas de tipo industrial ao ano, que suman entre todas elas 2.350 millóns de metros cúbicos ou, o que é o mesmo, 2.350 hectómetros cúbicos. Cun só hectómetro cúbico poderían encherse aproximadamente 400 piscinas de tamaño olímpico.
Por augas residuais industriais enténdense todas as augas residuais vertidas desde locais utilizados para calquera actividade comercial ou industrial, que non sexan augas residuais domésticas nin augas de escorrentía pluvial.
Deses 2.350 millóns de metros cúbicos, case 360 millóns son de "substancias perigosas", segundo a propia denominación que se fai no censo. Baixo este epígrafe englóbanse aquelas verteduras que "conteñen substancias tóxicas, persistentes ou bioacumulábeis", entre outras.
Os rexistros indican que a Galiza concentra unha de cada tres verteduras industriais de substancias perigosas que hai no Estado, onde o total é de 1.160 millóns de metros cúbicos anuais. Deles, 31% —eses 360 millóns— decorren en bacías galegas.
Galiza, entre os territorios que menos recicla e máis incinera
A Galiza é o segundo territorio do Estado español que menor porcentaxe de residuos recicla, recupera ou composta. Só Asturias presenta peores rexistros.
Ademais, é a segunda comunidade que máis proporción de lixo incinera, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica a partir da información facilitada directamente polas comunidades autónomas.
A Galiza recicla 15,91% dos residuos e composta outro 5,46%, para sumar 21,37% de materiais recuperados, lonxe de 37,96% de media no Estado español. O país está tamén entre os territorios que máis residuos queima, case a metade do total (48%), moi por riba da media do conxunto do Estado español (11%).
"Liderada a xestión de residuos pola Xunta e Sogama, a Galiza atópase á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo actualmente os obxectivos da lexislación e sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030", critican desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).
En xaneiro de 2022 a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciaba a concesión durante dez anos a un grupo de empresas para explotar a incineración de refugallos no complexo de Sogama. O importe destinado a esta fin superaba os 238 millóns de euros.