Chega Karlotta: alertas amarelas e laranxas por ventos de 100 km/h, temporal marítimo e choiva

Borrasca atlántica que afectou a Galiza en xaneiro de 2024, na Coruña. (Foto: M Dylan / Europa Press)

É a 11ª borrasca atlántica de grande impacto da tempada

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emitiu un aviso especial de fenómenos adversos ante a chegada da 11ª borrasca atlántica de "grande impacto" da tempada, Karlotta, desde esta cuarta feira, que cruzará a península, dando lugar a un episodio de vento intenso con refachos de máis de 100 quilómetros por hora (km/h), temporal marítimo e precipitacións xeneralizadas que, probablemente, durará até o sábado.

Tras varias semanas nas que predominou o tempo estábel, o desbloqueo anticiclónico permitirá a entrada de perturbacións atmosféricas a partir desta cuarta feira, segundo indicou AEMET, polo que nas últimas horas do día xa se agardan os primeiros efectos de Karlotta no litoral galego, con refachos de vento moi fortes do suroeste, así como as primeiras precipitacións, mentres que na quinta feira as precipitacións estenderanse á metade occidental peninsular e Pireneos occidentais.

Respecto ao vento, a área máis afectada será a Galiza e o norte da península con refachos moi fortes en amplas zonas, que poderían superar o 100 km/h na Galiza, cun forte temporal marítimo nas costas.

Na sexta feira as precipitacións serán xerais en todo o Estado, aínda que as maiores acumulacións espéranse outra vez na Galiza. O vento irá perdendo intensidade progresivamente, aínda que poderán darse refachos moi fortes durante a primeira metade deste día, sobre todo na cordilleira Cantábrica e en Pireneos.

Para o sábado, espérase unha situación postfrontal onde se irá impondo a estabilidade atmosférica e finalizará a borrasca. A pesar de que as precipitacións irán perdendo intensidade e tenderán a remitir, aínda se esperan, sendo máis probábeis e intensas durante a primeira metade do día.

As temperaturas sufrirán un descenso acusado o sábado o que provocará unha baixada significativa da cota de neve, que se situará entre os 1.000 e 1.500 metros, con nevadas débiles nos principais sistemas montañosos.