Chega a Candeloria, o día que marca a predición do tempo

Dous paxaros, un dos símbolos do Día da Candeloria. (Foto: Nós Diario)
A celebración mantense activa no refraneiro popular galego.

Unha das datas máis sinaladas do calendario galego é o 2 de febreiro, Día da Candeloria ou tamén denominado Día das Candeas. Con orixe anterior á chegada do cristianismo, relacionado coa festividade do Imbolc celta, a súa celebración está conectada co cambio de estación e a súa importancia dentro do propio calendario rural galego. 

A xornada, coñecida na Galiza máis popularmente como o día 'en que casan os paxariños', sinala a relevancia do apareamento en todo tipo de animais para o bo funcionamento do mundo agrario galego. 

No refraneiro popular, ademais, tamén se relaciona o día co cambio meteorolóxico ("O día da Candeloria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra") máis coa preparación dos froitos do campo ("Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel"). 

Na Galiza, co rito cristián, nalgunhas parroquias bendícense as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse  para a casa ao  atribuírselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.

Unha tradición que traspasou fronteiras

A Candeloria coincide coas xornadas de máis luz, cos días máis longos e, polo tanto, a proximidade do traballo máis produtivo no medio rural. A importancia de saber o tempo que faría para as tarefas agrícolas, empregando métodos variados, era fundamental.

A tradición está presente noutros territorios do Estado español, como no caso dos Pireneos, aos seguir as pegadas dos osos que debían rematar de invernar.

Ao outro lado do Atlántico chegaron costumes semellantes, como a que levou a emigración alemá até os Estados Unidos de América empregando como animal para predicir  unha marmota.