Chaves para un desconfinamento seguro nos centros de traballo

A rectivación da economía tamén aviva o risco de contaxio (Europa Press).
A comunidade experta chama a extremar os coidados

"O risco cero non existe. A medida fundamental é a distancia social e o lavado sistemático e meticuloso das mans con xabón ou xel sanitizante". O epidemiólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Francisco Caamaño Isorna, fai un chamamento á cidadanía para levar a cabo un desconfinamento máis seguro, agora que os plans das Administracións propoñen un regreso paulatino ao traballo presencial.

"Se podo manterme a dous metros dos demais, non necesito máscara facial. Sempre que non poida garantir eses dous metros, debo usala", apunta Caamaño, quen recomenda a "omnipresenza" dunha solución hidroalcólica en todas as oficinas, corredores, salas de espera, despachos e centros de traballo.

Doutra banda, o profesor da USC sinala as portas, os ascensores, os baños e as zonas de paso como espazos chave nos que cómpre reforzar todas as medidas de protección. "A porta do edificio deberá ser automática ou estar permanentemente aberta, así evitaremos tocar o tirador". A mesma recomendación serve para as portas dos despachos ou de calquera outra dependencia compartida. E "na medida do posíbel, hai que evitar o uso do ascensor, e recuperar o uso das escaleiras", explica o epidemiólogo.

No traballo e na casa

Recomenda estabelecer corredores de sentido único para evitar cruzamentos, e nos baños, sistemas automáticos de apertura da billa. "Sería o ideal" apunta, co fin de completar un lavado de mans "sistemático e meticuloso".

Francisco Caamaño Isorna, lembra que cando acaba a xornada laboral, as medidas de precaución continúan no fogar, sobre todo, no tocante ás prendas que empregamos durante o día. "A recomendación é lavar a roupa entre 60 e 90 graos. Unha boa opción pode ser utilizar algún uniforme, bata ou garda po exterior xa que será máis doado de xestionar". Con todo, conclúe Caamaño, o teletraballo "é unha excelente opción en tanto non teñamos unha vacina".