Intelixencia Artificial

ChatGPT, no albo da Axencia de Protección de Datos: incumpre a normativa?

A aplicación ChatGPT xera respostas a partir dunha intelixencia artificial. (Foto: Nós Diario)
A aplicación desenvolta pola tecnolóxica estadounidense OpenAI é obxecto de numerosas críticas, mais tamén acada unha enorme popularidade a nivel mundial.

As dúbidas sobre o desenvolvemento actual da intelixencia artificial seguen a medrar. A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) iniciou de oficio actuacións previas de investigación á empresa estadounidense OpenAI, propietaria do servizo ChatGPT, por un posíbel incumprimento da normativa vixente, segundo veñen de trasladar desde a entidade. Tamén os gobernos da China, EUA e Italia trasladaron a súa preocupación.

A semana pasada, a Axencia solicitou ao Comité Europeo de Protección de Datos (EDPB, polas súas siglas en inglés) que se incluíse o servizo ChatGPT como tema a abordar na súa seguinte reunión plenaria, ao considerar que os "tratamentos globais que poden ter un importante impacto sobre os dereitos das persoas requiren de accións harmonizadas e coordinadas a nivel europeo en aplicación do Regulamento Xeral de Protección de Datos".

O Comité decidiu no Plenario decorrido esta quinta feira lanzar un grupo de traballo (task force) para fomentar a cooperación e intercambiar información sobre as accións levadas a cabo polas autoridades de protección de datos dos distintos membros da Unión Europea, a fin de coordinar as súas accións.

Co inicio da investigación no Estado español e a participación neste grupo de traballo europeo, a AEPD actúa en paralelo no marco das súas potestades e competencias como autoridade estatal de supervisión e control, ademais de en coordinación coas súas homólogas europeas a través do citado Comité.

A Axencia avoga polo desenvolvemento e a posta en marcha de tecnoloxías innovadoras como a intelixencia artificial "desde o pleno respecto á lexislación vixente", xa que considera que "só desde ese punto de partida pode levarse a cabo un desenvolvemento tecnolóxico compatíbel cos dereitos e liberdades das persoas".

Que é ChatGPT?

A aplicación desenvolvida pola tecnolóxica estadounidense OpenAI consiste nunha intelixencia artificial preparada para manter conversas coas persoas usuarias, que poden trasladarlle diferentes cuestións para as que ChatGPT se ocupa de achar unha resposta: abonda con facerlle preguntas convencionais para que as comprenda.

É capaz de redactar unha noticia con base á información que recada na internet. Nos últimos meses disparouse a súa popularidade e millóns de persoas de todo o mundo xa botan man desta novidosa tecnoloxía, aínda imprecisa, porén, con conceptos moi concretos e na redacción.