[MAPA INTERACTIVO] As chamas seguen avanzando na Galiza e xa arrasan máis de 43.000 hectáreas
Esta vaga deixa, tras unirse os lumes de Chandrexa e Vilariño de Conso, o incendio máis voraz da historia da Galiza en superficie queimada
A Galiza, e con especial intensidade Ourense, onde segue decretado o nivel 2 de alerta para toda a provincia por mor dos incendios, viviu outra dura noite de loita contra as chamas que sumou varios miles de hectáreas calcinadas. Na mañá deste sábado permanecen sen extinguir un total 18 incendios que arrasan case 43.500 hectáreas.
As comarcas de Terra de Trives e Verín, tras a unión de dous incendios en Chandrexa de Queixa e despois de unificarse este con o rexistrado en Mormentelos, en Vilariño de Conso, até superar as 16.000 hectáreas, rexistra o que até o de agora supón o incendio máis grande da historia da Galiza, de acordo cos rexistros oficiais da Xunta, que poden variar dos cómputos doutras entidades e institucións.
Pero outros grandes lumes avanzan e, se non se atallan nas próximas horas, coa dificultade que implica debido á magnitude que adquiriron, poderían superar tamén ao rexistrado no Courel (Lugo), na vaga de incendios de 2022, que era até o de agora o segundo da historia da Galiza, con 11.800 hectáreas afectadas.
Nesta nova vaga, que o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, elevaba á máis grave da historia da Galiza xa na madrugada da quinta á sexta feira, o lume de Oímbra (A Granxa) xa queimou 10.500 hectáreas, segundo as últimas estimacións.
En situación de lume "activo", segundo a denominación oficial, o último parte de Medio Rural sitúa doce incendios: o de Agolada, con 400 hectáreas afectadas, 11 máis na provincia de Ourense, onde o de maior magnitude, con máis de 16.000 hectáreas afectadas, é o que se unificou entre Chandrexa de Queixa e Vilariño.
Activos seguen tamén o incendio de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, que tamén se uniron en días pasados, con 3.000 hectáreas queimadas); Oímbra-A Granxa (10.500); A Mezquita-A Esculqueira (9.000); Vilardevós-Vilar de Cervos (700); Vilardevós-Moialde (500), Vilardevós-Fumaces e A Trepa (100), así como Larouco-Seadur (2.000 hectáreas queimadas).
En Carballeda de Avia apareceron dous novos incendios, que a Xunta sitúa como activos: un en Vilar de Condes, que xa calcinou 200 hectáreas, e outro en Carballeda, con 20 afectadas. Hai tamén un fogo en situación activa en Muxía, con 50 hectáreas queimadas. Sen apagar, aínda que estabilizados están os incendios de Toques (desactivada a Situación 2 e 300 hectáreas queimadas), Montederramo-Paredes (120 hectáreas) e Dozón-O Castro (400 hectáreas queimadas.
Ademais, permanecen controlados os lumes da Fonsagrada-Monteseiro (150 hectáreas afectadas), Verín-Mourazos (9) e A Estrada-Souto (20 hectáreas queimadas). Está extinguido o incendio rexistrado en Ourense-Seixalbo, tras queimar, segundo as estimacións de Medio Rural, un total de 107,79 hectáreas.

