AstraZeneca: expertos chaman a respectar a pauta vacinal ante a falta de fundamento do estudo CombiVacs

Persoal sanitario xestiona varios viais da vacina de AstraZeneca de cara á súa administración. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
Uns 60.000 galegos e galegas, pertencentes a colectivos esencias, están pendentes da segunda dose de AstraZeneca.

Esta terza feira, 4 de maio, comeza a cumprirse o prazo de 12 semanas que estabelece a ficha técnica da vacina de AstraZeneca como intervalo máximo recomendado para inocular a segunda dose ás persoas que xa recibiron a primeira.

A vacina deseñada pola Universidade de Oxford en colaboración co laboratorio sueco AstraZeneca empezou a administrarse o 9 de febreiro entre colectivos esenciais menores de 55 anos antes de se iniciar nun vaivén de cambios de criterio que afectaron tanto á aplicación da vacina como aos grupos de idade de referencia tras a aparición de varios casos raros de trombose en persoas inoculadas coa primeira dose. Un periplo que desembocou na suspensión desta vacina para os menores de 60 a principios de abril.

Catro semanas máis

A pasada sexta feira, 30 de abril, a Comisión de Saúde Pública decidiu adiar até as 16 semanas a decisión sobre a segunda dose de AstraZeneca pola que esperan case dous millóns de persoas menores de 60 anos en todo o Estado, unhas 60.000 na Galiza.

O Goberno da Xunta votou en contra da decisión adoptada finalmente polo Ministerio de Sanidade, co apoio de dez comunidades autónomas, a canda Catalunya, Murcia, Andalucía, Madrid, Castela e León, Ceuta e Melilla, ao entender que non hai evidencia científica para este atraso, nin está avalado pola ficha técnica da vacina nin pola Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés).

Á espera de CombiVacs

A Comisión de Saúde Pública xustificou a demora de catro semanas na espera polos resultados preliminares do estudo que desenvolve o Instituto de Saúde Carlos III -CombiVacs- co obxectivo de coñecer a eficacia e seguridade de combinar a inxección de AstraZeneca cunha segunda de Pfizer, contra mediados de maio.

Para África González, catedrática de Inmunoloxía, "este tipo de estudos está ben facelos, pero vexo varios problemas. Dunha banda, chega tarde. Reino Unido xa comezou con eles hai meses. Doutra, o número de persoas que inclúe este ensaio é baixo, faltan grupos para analizar. E ademais, por que só se considera a combinación de AstraZeneca e Pfizer, non outras?", cuestiona a investigadora do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo -Cinbio-.

González defende que no ten sentido mesturar a solución de Oxford con outras vacinas e que debería "administrarse de forma normal la segunda dose". Na mesma liña, Federico Martinón-Torres, membro do comité asesor de vacinas da OMS, porfía no interese e na pertinencia de estudos como o CombiVacs, mais non avoga por esperar as conclusións sobre a resposta inmune da pauta combinada de AstraZeneca e Pfizer en comparación coa pauta dunha única dose de AstraZeneca, xa que polo seu deseño e tamaño "non vai ofrecer unha resposta definitiva".

Non se pode cambiar unha pauta vacinal en contra da ficha técnica e da recomendación da EMA

Achegará información sobre a intercambiabilidade destas vacinas mais non garantirá unha evidencia superior á que lograron os ensaio clínicos previos á súa autorización. "Non se pode cambiar unha pauta vacinal en contra da ficha técnica e da recomendación da EMA en base aos resultados do CombiVacs", conclúe o inmunólogo do CHUS José Gómez Rial.

"Hai que respectar a pauta estabelecida nos ensaios clínicos"

José Gómez Rial, asegura que "a recomendación de todos os organismos científicos é respectar sempre a pauta de inmunización estabelecida nos ensaios clínicos". Así, di, non hai "ningunha razón científica" que convide a atrasar a segunda dose de AstraZeneca máis aló do prazo indicado e lembra, no caso das vacinas habituais, a doutrina xeral de "continuar a pauta onde se deixou con independencia do tempo que pasase".