Ensino

Chaman a boicotear as reválidas da Lomce

Concentración PGDEP contra as reválidas

Por quinto ano consecutivo celebraranse na Galiza as reválidas implantadas coa Lomce. O alumnado de 3º e 6º de primaria e máis o de 4º de ESO está convocado a estes exames. As Ampas e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chaman ao boicot activo a unhas probas que consideran propias dun modelo antipedagóxico e segregador.

As reválidas implantadas coa Lomce voltan por quinto ano consecutivo. Celebraranse nesta semana nos cursos de 3º e 6º de primaria e en 4º de ESO. Desde a Confederación ANPAS galegas fan un chamamento a non acudir ás aulas por se tratar dun modelo antipedagóxico, elitista e segregador que ademais despilfarra cartos públicos nunha probas sen valor educativo.

As reválidas implantadas coa Lomce voltan por quinto ano consecutivo

O presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, advertiu precisamente a Xunta de Galiza de que a resposta das familias "será a mesma" que nos anos precedentes, no sentido en que voltarán a negarse a que as fillas e fillos realicen as reválidas polo que anunciou que non as levarán aos centros escolares os días das probas.

Ademais, desde a Confederación de Anpas valoran que este formato de avaliación representa un modelo clasista e segregador que pretende dividir e encamiñar o alumnado en función dun exame.

Tamén desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público veñen librando desde o inicio da Lomce unha loita continuada contra a lei educativa e neste caso, as reválidas, por consideralas propias dun modelo educativo retrógrado así como polo gasto e tensión a que se somete o alumnado de moi prontas idades “sen necesidade nin beneficios pedagóxicos para el”.

Lacaci sinalou os intereses que se esconden detrás deste modelo educativo

Lacaci sinalou precisamente esa tensión xerada ao estudantado durante os días de celebración das probas, así como “o interese que se esconde detrás deste modelo educativo, que é a catalogación de centros en función dos seus resultados”, afirmou. Nese sentido advertiu de que hai sectores na privada que "aplauden e asisten entusiasmados a estes exames, esperando sacar negocio diso e das súas consecuencias”.

Afirmou Lacaco que as nais e pais non queren reválidas e que esixen a derrogación da Lomce

Afirmou Lacaco que as nais e pais non queren reválidas e que esixen a derrogación da Lomce porque “xa vai sendo hora de non tirar o noso diñeiro en probas inútiles e  indesexadas", afirmou.

 

Boicot

Desde a Plataforma  Galega pola Defensa do  Ensino Público chaman o boicot das probas e lembran o éxito que esta forma de protesta tivo durante os anos anteriores.

A plataforma, conformada por federacións de anpas e entidades como a CIG, Erguer Estudantes da Galiza ou o BNG, critica tamén a Xunta por continuar cun despilfarro de cartos ao tempo que se “lastran as posibilidades de recuperación de medidas necesarias para os centros” como segundo sinalan, “a redución da cociente alumno-docente, a mellora de atención á diversidade ou a mellora dos cadros de profesorado”.