A CIG recorre a norma que regula a creación da rede galega de dinamización da FP dual

O sindicato maioritario no ensino afirma que esa norma supón o nomeamento “a dedo” por parte da dirección de até 48 docentes, un por cada centro educativo que conformaría inicialmente esa rede.

CIG-Ensino anuncia que recorre a norma pola cal se regula a creación da rede galega de dinamización da FP dual. O sindicato critica a Consellaría de Educación pola forma en que tramitou a resolución para crear, con carácter experimental, unha rede galega de dinamización da FP Dual.  “Sen previa negociación, sen marxe para que se difundira e debatese nos centros de traballo esta medida e coa aplicación dun sistema piramidal de mando que recolle o peor dos Centros Integrados de FP”, afirman. A norma supón, manifesta a CIG, o nomeamento a dedo por parte da dirección, “de até 48 docentes, un por cada centro educativo que conformaría inicialmente esa rede”.

 

Por iso, o sindicato maioritario no ensino galego presenta un recurso en vía administrativa contra o que considera “un auténtico desprezo ao profesorado de FP e á representación sindical”.  

 

A CIG-Ensino lembra que desde o principio se opuxo á FP dual en Galiza, pois responde a un modelo pensado “para países con realidades socioeconómicas que pouco teñen que ver coa nosa e que comezou con empresas que usaban o alumnado dos ciclos como man de obra barata e sen ningún tipo de control por parte da administración”.