Facer da coeducación unha realidade no ensino galego

CIG-Ensino impulsa unha campaña para demandar da Consellería de Educación compromiso económico e formación específica para o traballo nos centros en coeducación.

A coeducación debe de ser unha parte fundamental do ensino en Galiza. Así o entende o sindicato maioritario no ensino, CIG, que activa unha campaña para lograr centros coeducativos e aumentar a oferta de materias optativas en igualdade.

 

Con este obxectivo en novembro pasado a AS-PG e CIG-Ensino iniciaran un estudo sobre a existencia de plans de coeducación nos diferentes centros de ensino. Unha tarefa, aclaraban, que debería facer a propia administración mais que “non está nas súas prioridades”.

 

Publicouse o libro Coeducación. Alicerce do ensino e procedeuse ao reparto dun inquérito polos centros que permitiu constatar, afirma o sindicato, que todo o traballo existente en materia de coeducación se realiza grazas ao voluntarismo do profesorado.  CIG-Ensino editou un folleto no que se resume todas as actuacións realizadas ou propostas para crear centros coeducativos, así como a lexislación que rexe nesta materia no sistema público non universitario.

 

Distribuirase entre os 1.200 colexios e institutos do país lembrando que a educación en igualdade debe constar tanto nos Plans de Acción Titorial como no Plan de Convivencia dos centros e animando aos claustros a elaborar un Plan de Igualdade ou Coeducativo no que se faga unha diagnose da situación neste ámbito (mediante enquisas ao alumnado, familias, profesorado e persoal non docente)  e que marque os obxectivos e as ferramentas para conseguir converterse nun centro coeducativo.  Para facilitar a redacción destes plans a CIG-Ensino elaborou a guía Claves para a elaboración dun plan de coeducación nun centro de ensino

 

Entre as demandas que a CIG-Ensino lle fixo á Consellaría está a de fomentar a creación de equipos específicos e amplos de igualdade, nos que debe estar representada a dirección e o departamento de orientación. Entre os seus cometidos estaría a creación dun observatorio LGTBI, a comemoración de datas de reivindicativas como o 25N ou o 8M, fomentar a igualdade en todas as actividades propostas no centro ou xestionar formación especializada para toda a comunidade educativa nesta materia, entre outros.

 

O sindicato márcase como obxectivo que todos os centros de ensino do país oferten cando menos algunha das materias optativas existentes relacionadas coa coeducación ou igualdade e que nestes momentos son tres: Sociedade Inclusiva, que pode ofertarse en 1º e 2º da ESO (1 hora semanal);  Coeducación para o século XXI, que pode ofrecerse en 1º de BACH (2 horas semanais),   Igualdade de xénero, que tamén se pode ofertar en 1º e 2º da ESO con unha hora semanal de dedicación horaria.