A demarcación Miño-Sil fecha o segundo ano hidrolóxico máis seco da historia: "Temos unha seca xeneralizada"

A CH Miño-Sil chama a manter as medidas de aforro de auga ante as previsións de seca. (Foto: Nós Diario)
"É fundamental que os concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsábel da auga", sinala o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), informou esta segunda feira de que o ano hidrolóxico 2021-2022, que transcorre desde o 1 de outubro de 2021 até o 30 de setembro— concluíu como o segundo máis seco da serie histórica, só por detrás do ano 2016-17.

"Estamos ante unha situación de seca prolongada xeneralizada na demarcación debido á falta de precipitacións; mensualmente poderiamos destacar o mes de xuño como húmido; outubro e agosto como secos; e novembro, xaneiro, febreiro, abril, maio e xullo como moi secos", explicou o presidente da institución, José Antonio Quiroga.

A precipitación acumulada media foi de 694,6 l/m2, isto é, 39% por baixo da media histórica. No ano hidrolóxico anterior, 2020-21, rexistrouse unha precipitación de 1.159,4 l/m2, 2 % por riba da media e até 67% por riba do ano 2021-22.

Un ano "extremadamente seco"

Analizando os resultados en cada unha das unidades territoriais nas que se divide a demarcación, o ano hidrolóxico 2021-22 fica como "extremadamente seco", precipitación por baixo do mínimo da serie histórica, nas unidades Miño Baixo e Limia, e "moi seco" no resto —Miño Alto, Sil Superior e Inferior e Cabe—.

En relación cos encoros da demarcación, pecharon o ano hidrolóxico a 43,73% da súa capacidade máxima. Este volume é 0,88% maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 42,86%, e 10,81% menor que a enchida media histórica nestas datas do ano, 54,54%.

Medidas de aforro

E no que atinxe aos caudais circulantes ao remate do ano hidrolóxico, 30 de setembro, áchanse de media 28,4% por baixo da media histórica.

"Tendo en conta estes datos e que as predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca persiste, é fundamental que os concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsábel da auga, lembrándolles que estamos ante un recurso imprescindíbel, limitado e dependente das condicións climáticas", concluíu o presidente da CHMS.