O persoal médico prepárase para a folga indefinida ante a "falta de vontade política" para resolver o conflito

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado 12 de febreiro. (Foto: Arxina)
A CESM lamenta que a Consellaría de Sanidade, nas diferentes xuntanzas mantidas nos últimos meses, non mostrou "unha mínima vontade política".

Tras a multitudinaria manifestación que o pasado 12 de febreiro ateigou as rúas de Compostela con milleiros de persoas na defensa da sanidade pública e contra os recortes, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza vén de convocar agora unha folga indefinida a partir das 00 horas do vindeiro 11 de abril, unha protesta para a que chama a participar a "todos os facultativos" do Sergas. O obxectivo é "reverter a lamentábel situación que atravesa a sanidade pública na Galiza desde hai unha década e que, nos últimos anos, a causa da pandemia, agravouse".

A organización lembra que nos últimos meses mantivo múltiples encontros coa Consellaría de Sanidade na procura de solucións e un "acordo de mínimos" que "evitase ter que recorrer ás mobilizacións". Porén, os interlocutores do Goberno galego, lamentan, "non mostraron unha mínima vontade política nin capacidade de decisión".

En concreto, precisan desde a CESM, a convocatoria afecta o persoal médico que opera en todos os estamentos do sistema sanitario, desde a atención primaria até a hospitalaria, pasando polo 061 (Urxencias Sanitarias) e as bases de ambulancias medicalizadas, tanto de xornada ordinaria como complementaria —atención continuada ou garda médica—.

Após varios meses de infrutuosos encontros con representantes da Xunta, a CESM expón agora publicamente as demandas que foi trasladando progresivamente para garantir unhas "condicións laborais dignas" que permitan asegurar tamén que as persoas doentes "poidan ser atendidas en tempo e forma como corresponde", e non "cunha axenda interminábel que impide dedicarlles o tempo que merecen".

Con carácter xeral para todo o persoal do Sergas, a entidade reclama a tan ansiada xornada de 35 horas semanais, así como un incremento do prezo da hora de garda presencial e localizada, "diferenciando entre laborábeis e fins de semana ou festivos" e incluíndo os médicos MIR. Tamén exixe unha libranza extra após traballar de garda en véspera de festivo, "dado que se perde ese festivo como libranza", e a xeneralización do complemento específico, "baixo o principio de igual traballo, igual remuneración".

No que atinxe ás festividades, reclaman declarar os días 24 e 31 de decembro como "non laborábeis" para o persoal sanitario, "como xa goza o resto da función pública da Galiza", así como a recuperación dos días de libre disposición de carácter autonómico. E, tal e como veñen reclamando diferentes colectivos médicos e sociais, a cobertura de todas as vacantes existentes con inclusión xeral en ofertas públicas de emprego (OPE) e concursos de traslados.

Desde CESM subliñan que a atención primaria “é a que sofre actualmente a situación máis crítica”, se ben os hospitais “nos atravesan momentos moito mellores”. Entre as solucións propostas, urxen implantar axendas fechadas cun máximo de entre 25 e 30 pacientes e un tempo de atención na consulta non inferior a 10 minutos por doente para médicos de familia e pediatras da Primaria, “restrinxindo a telemedicina aos casos indicados polo facultativo”.

Piden tamén Urxencias Extrahospitalarias as 24 horas ao día durante todo o ano e a ‘triaxe Manchester’, co obxectivo de que "só se preste atención a urxencias obxectivas tras unha valoración, con derivación a consulta ordinaria das que non o sexan". Aliás, ven necesario un modelo retributivo na Primaria "baseado na asistencia prestada e os conceptos capitativos", isto é, estabelecendo un orzamento por cidadán e ano, así como unha maior coordinación coa asistencia hospitalaria e unha planificación anual. Para as Urxencias Extrahospitalarias, unha remuneración "en función do Acordo para as Urxencias Hospitalarias".

Para o persoal facultativo que traballa nos centros hospitalarios exixen regular as gardas localizadas e as súas libranzas; actualizar os módulos de atención continuada para médicos exentos de gardas; a regulación, recoñecemento e remuneración da figura do ‘Titor de residentes’, e a catalogación dos postos de difícil cobertura en Comarcais, así como o seu "recoñecemento curricular e retributivo".

A respecto do 061, a CESM incide na necesidade de aplicar o complemento de quendas para todo o persoal que as realice, así como o complemento de atención urxente nas Urxencias Extrahospitalarias.

Finalmente, para os facultativos e facultativas en proceso de formación, os MIR, reclaman o estrito cumprimento dos programas docentes, así como un incremento do prezo da hora de garda "na mesma proporción que o persoal estatutario" e unha libranza efectiva tras garda.