VÍDEO NO INTERIOR

Centros educativos de Vigo lembran os falecidos no incendio e exixen "protección" para os menores en situación de pobreza

Rolda de prensa no IES Álvaro Cunqueiro, hoxe. (Foto: Europa Press)
"Para as institucións son números, pero para nós son nenos con nomes e apelidos, que nos miran todos os días aos ollos, que nos interpelan, que aquí atopan unha contorna segura, cálido, acolledor, brazos abertos e sorrisos, pero fóra non teñen unha vivenda digna nin unha contorna segura", denunciaron, nun comunicado.

Centros educativos de Vigo lembraron esta segunda feira as catro persoas falecidas no incendio rexistrado na madrugada do pasado 11 de outubro nun edificio da rúa Alfonso X O Sabio da cidade, con tres menores —as crianzas da cuarta vítima mortal— entre elas. No acto, decorrido no IES Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, urxiron as administracións públicas a protexeren os máis cativos. Participaron membros da dirección do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, do CEIP Celso Emilio Ferreiro e do propio IES Álvaro Cunqueiro, centros aos que acudían Sara, Ezequiel e Aldara, os tres menores falecidos. Estiveron arroupados por outros compañeiros do CEIP Escultor Acuña, onde estaban escolarizados outros nenos que se salvaron das chamas, así como do IES Santa Irene ou do IES Alexandre Bóveda, entre outros.

Durante a homenaxe, organizada un mes despois do tráxico suceso, os membros do claustro leron un manifesto onde mostraron a súa "indignación" polo sucedido, xa que pasados máis de 30 días "todo segue igual". "Fáisenos moi difícil expresar toda esta tristeza que sentimos, pero é necesario facer o esforzo, porque aínda que non foi un incendio provocado e, por tanto, fortuíto, o certo é que as condicións de precariedade foron decisivas para que o desenlace do suceso resultase mortal", lamentaron.

A este respecto, precisaron que case 25% dos nenos galegos está en situación de pobreza ou en risco de exclusión social, mentres que até 8,5% dos menores vive na pobreza severa. "Para as institucións son números, pero para nós son nenos con nomes e apelidos, que nos miran todos os días aos ollos, que nos interpelan, que aquí atopan unha contorna segura, cálido, acolledor, brazos abertos e sorrisos, pero fóra non teñen unha vivenda digna nin unha contorna segura", reivindicaron os profesores, visibelmente emocionados durante todo o acto.

Protección para todas as crianzas

Por todo isto, solicitaron ás administracións públicas que garantan as necesidades básicas dos máis pequenos, como a súa alimentación, a súa vivenda e os seus coidados, alén da súa saúde e educación. "Nos centros descoñecemos, en moitas ocasións, as súas circunstancias, e noutras atopamos unha barreira cando nos diriximos a Asuntos Sociais, sempre desbordados e sen suficiente marxe de actuación", engadiron.

"Como colectivo e como sociedade exiximos protección para todos os nenos que vivan situacións que afecten directamente ao seu benestar físico e emocional", subliñaron, cifrando nuns 93.000 os nenos galegos en situación de pobreza, sen unha lei específica que os protexa. Os profesores negáronse a "esquecer" Aldara, Ezequiel e Sara, os tres menores falecidos no incendio de Alfonso X. "Non nos resignamos á súa perda, pero tampouco a que a súa morte fose en balde", apostilaron, explicando que nas aulas continúa habendo nenos en situacións parecidas ás que vivían os falecidos.

"Nos centros garantimos a igualdade, pero fóra, quen o fai? Reclamamos aos poderes públicos que se comprometan e actúen en favor da infancia. É un dereito e tamén unha obrigación como sociedade", sentencia o comunicado que leron conxuntamente.

Todo iso despois de que na madrugada do pasado 11 de outubro catro persoas falecesen nun incendio rexistrado na rúa Alfonso X O Sabio de Vigo, onde ardeu un edificio por un lume iniciado tras un fallo eléctrico no cadro de luces do inmóbel e provocou a morte de tres menores, ademais da súa nai.