Os centros comerciais ocupan un millón de metros cadrados na Galiza

A finais de 2024 estará operativa unha nova superficie comercial, o Breogán Park, na Coruña, de 60.000 metros cadrados. (Foto: Breogán Park)
As áreas e centros comerciais existentes na Galiza suman por volta de un millón de metros cadrados. Vigo e A Coruña lideran a presenza dun modelo de negocio que tamén se estende fóra das cidades galegas e con consecuencias sobre o comercio local ou a propia vida de barrios e vilas.

Nas Galiza existen un total de 39 centros comerciais, segundo a Asociación Española de Centros Comerciais (AECC), se ben non todos atravesan o seu mellor momento. Nos últimos tempos, abriron novos espazos deste negocio, como Vialia Vigo (con 125.000 metros cadrados) ou Nasas Nigrán (27.000). En breve, renacerá na Coruña o antigo Dolce Vita mais agora como Breogán Park e con case 50.000 metros cadrados. Así pois, o modelo de grandes áreas ou superficies comerciais segue estendéndose. 

Na Galiza hai 337 metros cadrados de superficie bruta alugábel (SAB), medida de tamaño destas superficies, por cada 1.000 habitantes. Máis ou menos como a media do Estado español que se sitúa en ao redor de 340. A Galiza, iso si, supera as ratios de estados como Francia, onde é de menos de 300 metros cadrados de SAB por habitante; ou Alemaña, que ten 200.

As MG, áreas comerciais moi grandes; GR, grandes; ME, medianas; ou HI, áreas baseadas en hipermercados, suman no noso país un millón de metros cadrados. Unha extensión que supón máis que duplicar a do concello máis grande do país, A Fonsagrada, que ten menos de 480.000 metros cadrados.

Consecuencias

Non todas as cidades galegas manteñen a mesma política a respecto das áreas comerciais. En Vigo ou na Coruña o seu número segue a aumentar e xa teñen nove e sete, respectivamente. En Pontevedra, pola contra, non hai, en base a unha decisión do Goberno municipal, que procura así reforzar e favorecer o comercio local.

Porque este, o comercio local, é o gran prexudicado, segundo asociacións e colectivos do sector, pola expansión deste modelo de negocio. De feito, o pequeno e mediano comercio como un dos eixos de vertebración de cidades e vilas non pasa polo seu mellor momento. En 2022 botaron o fechamento ao redor de 1.500 comercios retallistas.

Propostas

Esa realidade volve á primeira liña coas eleccións municipais no horizonte máis próximo, uns comicios especialmente sensíbeis a este tema. O PP apela, no seu programa marco, a defender o pequeno comercio, centrando as propostas en actuar contra "o comercio non regrado, para evitar a proliferación das vendas ilegais nas rúas das nosas cidades".

O BNG aposta por unha nova lei do comercio que non só protexa o sector, senón que inclúa unha moratoria á implantación das grandes superficies na Galiza. Un Plan integral de promoción do comercio de proximidade ou a implantación dunha plataforma de venda online galega que permita ao comercio local sumarse a ese hábito de consumo son outras propostas que recollen as nacionalistas. 

Desde o PSdeG, pola súa parte, apélase a promover e pular polo comercio local mediante incentivos e bonificacións, conscientes do papel que xoga tamén na "humanización das cidades e vilas".

Os comercios fechados, sen perspectiva de recuperarse

"A multiplicación de hipermercados e centros comerciais nas marxes urbanas extrae demanda do comercio dos barrios e provoca a desaparición de moitos negocios que non poden competir coas grandes distribuidoras apostadas ás portas da cidade", reflexionaba o arquitecto Iago Lestegás en Nós Diario.

Eduardo Abad, presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), sinala que nos primeiros meses do ano na Galiza "destruíronse" 4,5 comercios ao día. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentaba en febreiro como medida estrela do seu Goberno unha norma para mudar os requisitos de habitabilidade para permitir que aqueles baixos comerciais fechados ou en desuso sexan vivendas.