O centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, adía citas até o mes de setembro

Centro de Saúde de Baltar, no municipio de Sanxenxo (Foto: Concello de Sanxenxo).
O BNG de Sanxenxo criticou esta quinta feira a "mala xestión" sanitaria do Partido Popular despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estea a chamar a pacientes do centro de saúde de Baltar, na localidade do Salnés, para atrasar citas até o mes de setembro.

O BNG de Sanxenxo criticou esta quinta feira a "mala xestión" sanitaria do Partido Popular despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estea a chamar a pacientes do centro de saúde de Baltar, na localidade do Salnés, para atrasar citas até o mes de setembro.

Tal como indicou a portavoz nacionalista local en redes sociais, Sandra Fernández, os pacientes deste centro de saúde están a ser avisados de que só se atenderán citas para receitas e urxencias, atrasando as súas consultas xa programadas até o mes de setembro.

"Esta é a gran sanidade do PP. Onde están eses tres médicos que aos catro ventos anunciou o alcalde, Telmo Martín, que lle pagabamos con diñeiro público a vivenda vacacional?” preguntouse Fernández.

“Con iso aseguraba que o Concello de Sanxenxo non ía ter problemas sanitarios", criticou a portavoz nacionalista sobre o anuncio do mandatario do municipio.

Pola súa parte, fontes da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmaron que na actualidade hai até catro médicos de baixa.

Tres dos médicos que se atopan en situación de baixa nese centro de saúde, entraron nesta mesma semana, sinalaron as fontes da Xerencia da Área Sanitaria.

Por iso, as fontes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reivindicaron que se está traballando para cubrir "na maior brevidade posíbel" ditas baixas.

Ademais, escusáronse tamén en que a falta de profesionais médicos é un problema que sofre na actualidade non só a Galiza, senón tamén o resto de España.