O surto de Doral Residencias en Mos suma 131 novos positivos

Vista do complexo residencial de Mos. (Foto: Doral Residencias)
A cifra, suma de persoas usuarias e empregadas, fai que o número total de infectadas no complexo ascenda a 145. O foco foi detectado onte nun cribado rutinario.

O centro privado de Doral Residencias en Mos detectou nas últimas 24 horas 131 novos casos de coronavirus entre as persoas usuarias e empregadas. En total, as instalacións suman agora 145 positivos por Covid-19, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Política Social.

O complexo residencial reporta este sábado 80 novos casos entre persoas anciás e 17 entre persoas con discapacidade. Aliás, notificáronse nas últimas horas 34 novas infeccións entre o cadro de persoal, que até a sexta feira só contaba con 14 positivos. 

Foi xustamente onte cando se tivo coñecemento de que máis dun centenar de persoas vinculadas ao xeriátrico Doral Residencias están contaxiadas de coronavirus

O surto foi detectado ao facer un cribado rutinario ás e aos usuarios do centro. Ao obter os resultados comezaron a aparecer positivos, tanto entre as residentes como no cadro de persoal.

Entre todos os centros e servizos cos que conta o grupo, que se poden consultar na súa páxina web, hai unhas 217 persoas entre maiores e beneficiarias con capacidades diferentes. O cadro de persoal ascende, tamén atendendo ao que se coñece polo de agora, a 265 operarias e operarios.

Cos primeiros datos, a instalación de Mos aparece moi por encima dos outros centros residenciais con máis casos da Galiza. Entre eles están tamén Domusvi Ribadumia (96 casos activos); Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (61); Salvaterra de Miño (58); Nosa Señora dos Miragres, en Barbadás (56); e Ballesol Vigo (53).

Estes son os cómputos totais de usuarias e traballadoras, que responden a unha suba de 97 persoas mariores con PCR positiva. Á parte dos 80 de Mos, hai 11 casos novos na residencia San Salvador de Guntín, catro no CRAPD II de Vigo, un en Mi Casa de Ferrol e outra na residencia Lecer dos Avoíños de Coles.

Retíranse do cómputo catro persoas usuarias falecidas a sexta feira e 28 que recibiron a alta. Cos datos de hoxe, a Galiza conta con 449 usuarias de residencias de anciás contaxiadas.