Centos vólvense mobilizar na Mariña contra "a morte" do Hospital da Costa

[Imaxe: SG]
Nunha concentración convocada pola xunta de persoal da área sanitaria rexeitaron máis unha vez a área integrada que pretende a Xunta. Revólvense contra a "centralización da sanidade nas cidades" e a perda de autonomía, orzamento e servizos que carrexan os plans do PP


As mobilizacións contra o decreto de xestión integrada provincial, que levaría @s usuari@s do Hospital da Costa a dependeren de Lugo, continúan na Mariña. A xunta de persoal convocou esta cuarta feira unha concentración en contra "da morte" deste centro sanitario público e co obxectivo de "transmitir a quen nos goberna que non queremos depender de Lugo".

Así o explicou Adolfo Corral, presidente da xunta de persoal da área sanitaria da Mariña, quen se queixa de que "levan prometéndonos xa desde hai catro anos que este hospital nunca ía perder a súa independencia e agora o tempo danos a razón". Segundo considerou, entre as consecuencias do decreto aprobado polo PP está a centralización de especialistas no hospital lucense "coa conseguinte perda no noso" e un desprazamento de cen quilómetros para as intervencións cirúrxicas programadas, pois en Burela quedarían unicamente aqueloutras que precisan de atención urxente.

O hospital perdeu máis de 100 profesionais desde que o PP chegou á Xunta

En 2009, a Xunta quitou adiante o Plan de ordenación de recursos humanos "creando unha figura que até daquela non existía": a Comisión de servizos forzosa, que dá vía libre ao desprazamento de traballador@s da sanidade polos distintos hospitais lucenses. "Desde hai catro anos o desemprego é brutal", acrecentou Corral, quen cuantificou en máis de cen o número de profesionais que perderon o seu posto de traballo no Hospital da Costa desde que o PP chegou á Xunta, tempo en que o orzamento da sanidade pública caeu en 500 millóns de euros.

Foi nunha visita da ex-conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ás instalacións do hospital para asistir á toma de posesión do actual xerente "cando ouvimos falar por primeira vez desa xerencia e da dependencia do gran hospital de Lugo". Subliñou Rosa López, da plataforma SOS Sanidade A Mariña que "non estariamos contra a xerencia integrada se fose da nosa área", da cal dependen máis de 72 mil cartóns sanitarios e onde a dispersión xeográfica deriva en que entre Ribadeo e Viveiro haxa 70 quilómetros de distancia.

Por isto, "deberiamos ter xerencia propia, non só de hospitalización como agora senón do noso hospital cos nosos centros de saúde". Considerou que a xerencia integrada en Lugo se traducirá "na perda de autonomía, de orzamento e de carteiras de servizos", ao igual que aconteceu noutras áreas como a do Barco de Valdeorras, integrada en Ourense.

Valdeorras e Vilagarcía perderon carteira de servizos, orzamentos e autonomía

O mesmo día da presentación da nova xerente executiva, a Xunta tivo que xustificar a perda dunha praza de especialista de urxencias e outra de pediatría no Hospital do Barco. Na mesma liña, o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, viu como a nova xerencia integrada dirixida dende Pontevedra ordenou o peche de servizos de neuropediatría obrigando 200 pacientes ao seu traslado a Pontevedra e a ameaza de peche doutras sub-especialidades.

Tanto a plataforma como a xunta de persoal revólvense contra as declaracións de rexidor@s do PP na Mariña, que aseguran que o Hospital da Costa verá reforzados os seus servizos sanitarios e contará cunha unidade de quimioterapia. Poñela en marcha requiriría dun investimento "moitísimo meirande do que teñen proxectado, pois 50 mil euros non dan nin para unha campá de fluxo laminar", sinalou Rosa López, convidando @s representantes do PP na comarca a "que non reproduzan con tanta alegría o argumentario que lles manda o Sergas e que non xoguen coa saúde das persoas".