Centos de persoas secundan as protestas contra a "privatización" de pensións

Protesta contra o Pacto de Toledo en Vigo (Modepen)

Colectivos de pensionistas maniféstanse en Vigo, A Coruña e Ribadeo coincidindo coa mobilización a nivel estatal.

Centos de persoas participaron este sábado nas protestas convocadas en distintos municipios da Galiza polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), na liña das mobilizacións producidas en todo o Estado español en contra do Pacto de Toledo e da "privatización" das pensións.

Na Coruña, a manifestación tivo lugar ao redor das 12 horas no Obelisco con ao redor de 50 participantes. Un dos membros do Modepen, Mario Rodríguez Gala, explicou que a protesta tivo un carácter "animado", mesmo con música que estivo a cargo dun rapeiro.

Na protesta participou tamén “bastantes persoas mozas”, algo que salientou este integrante da plataforma convocante e que, segundo el, "indica algo" sobre a concienciación das novas xeracións.

Durante acto procedeuse á lectura dun manifesto no que se cargou contra o Pacto de Toledo e a intención do Goberno español de que "as pensións sexan acollidas polas empresas e polos bancos", xa que isto implica "dar pé á privatización" destas prestacións.

En relación a este tema as consignas eran constantes. "Pedimos que sexan 100 por 100 públicas", engadiu Rodríguez Gala 

As e os manifestantes tamén solicitaron blindar na Constitución a revalorización das pensións ao IPC, para que esta circunstancia non cambie en función da cor política do Executivo, así como a derrogación das reformas laborais: "O único que nos trouxeron foi, no canto de ir a mellor, ir a peor".

A concentración fronte ao Obelisco tamén se configurou, en palabras do membro de Modepen, como "unha lembranza a todos os mortos" que deixou a pandemia da Covid-19.