Centos de persoas reclaman en Vilalba unha atención sanitaria "digna" con respaldo político unánime
Perto de medio milleiro de persoas déronse cita esta sexta feira ante o centro de saúde de Vilalba para exixir unha sanidade "pública e digna".
Centos de persoas concentráronse esta sexta feira en Vilalba (A Terra Chá) ante o centro de saúde da localidade para reclamar unha atención sanitaria "pública, digna e de calidade".
A cita convocouna o propio Concello, que cifra en ao redor de 500 as persoas asistentes a unha concentración que contou co respaldo unánime dos catro grupos políticos da Corporación municipal, integrada por PP, PSdeG, Vilalba Aberta e BNG.
Ademais de agradecer o respaldo veciñal, desde o Concello chairego avanzan que seguirán reclamando solucións ás administracións competentes e "defendendo un dereito fundamental como é a saúde".
