Centos de persoas piden na Coruña “paz para Ucraína” e “unha saída negociada xa!”

(Foto: CGT Extel)

Na concentración convocada por Acampa participaron membros da comunidade ucraína na Galiza.

Varios centos de persoas participaron este domingo nas concentracións que se realizaron nalgunhas localidades galegas para apoiar o pobo ucraíno, sendo a da Coruña a máis numerosa. En Oleiros tamén houbo unha concentración.

Case 40 colectivos e organizacións apoiaron a concentración convocada por Rede Acampa na Coruña para esixir "a fin da guerra en Ucraína".

A mobilización, baixo a lema 'Paz en Ucraína. Saída negociada xa!', pediu o cesamento do fogo, a retirada das tropas invasoras e a acollida inmediata de todas as persoas refuxiadas que chegan aos países limítrofes con Ucraína.

Xurxo Souto foi o encargado de ler o manifesto no que se esixíu "a paz para Ucraína" e "unha saída negociada" que impida que haxa "máis mortos, máis violencia e máis dor" entre a poboación civil. Tamén interveu un representante da comunidade ucraína, que exixiu a fin da invasión rusa do seu país.

"Queremos transmitir que a cidadanía está farta da barbarie. Non se poden resolver os conflitos a base de bombas", relatou Xosé Abad, de Rede Acampa, que apostou ademais por unha saída "negociada" entre Estados Unidos, Europa e o presidente ruso, Vladimir Putin -"e digo Putin, non Rusia; Putin"-.

Con esta concentración, explicou, queren "canalizar o cabreo da xente e mostrar que queremos unha saída pacífica". "Hai que buscar unha solución pacífica da forma que sexa, facendo as concesións necesarias, porque xa chegamos tarde", sinalou. Abad remarcou que "un movemento amplo con unidade de acción" é a "fórmula imprescindíbel para poder contrarrestar as informacións e manipulación á cidadanía".

Axuda a Ucraína

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento pediu á cidadanía que realicen contribucións económicas e non "en especie". Argumenta que os bens doados en especie na Galiza poden "non ser adecuados" ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística en Ucraína.

Ademais, indicaron que supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais como "necesidade de embalaxe, trámites en aduanas ou datas de caducidade", entre outras cousas. A Coordinadora asegurou que resulta "máis práctico" comprar os materiais necesarios sobre o terreo, xa que así "activan a economía e o emprego locais", ou facendo usos de "kits de resposta humanitarios estandarizados".

Igualmente, tiveron que lembrar que a "adopción" de nenos non é unha opción e que o primordial é "atendelos no propio terreo" e " reagrupalos" coas súas familias.