Centos de persoas claman nas cidades galegas contra "o negocio da vivenda" e a especulación inmobiliaria
Centos de persoas percorreron este sábado pola mañá as rúas compostelás e coruñesas para clamar contra "o negocio da vivenda" e denunciar "a especulación inmobiliaria", así como para exixir a creación dun banco de vivenda social "efectivo".
Baixo o lema 'Acabemos co negocio da vivenda' en Compostela partiu da praza do Toural ao redor das 12 horas. "Queremos contribuír a pór en valor as demandas da sociedade sobre o problema da vivenda, que é moi grave, pero isto non termina aquí, queremos continuar para que se escoiten as nosas demandas e esperamos que desde as institucións se tomen medidas dunha vez", aseveraron desde a Plataforma Galega Vivenda Xa que ven de conformarse no pasado mes de marzo.
Unha das súas portavoces, Iria Nande, explicou a Nós Diario que “o principal problema é que non se está a garantir un dereito fundamental como é a vivenda. A especulación inmobiliaria e a falta de medidas políticas levou, nos últimos anos, a que a vivenda se convertese nun luxo para moitas persoas, especialmente xente nova e familias con fillos”. Ademais, “ter un soldo a finais de mes non é garantía de nada, se tes que gastar máis da metade en pagar o alugueiro”, sentenza Iria.
“A situación é verdadeiramente preocupante, hai unha porcentaxe cada vez maior da poboación galega que non ten garantido este dereito fundamental. O papel do goberno da Xunta resúmese en inacción, mentres que o Goberno do estado soamente realiza anuncios sen concretar medidas efectivas. Xa estamos fartas, isto non é asumíbel”, incidiu a portavoz da Plataforma.
“A principal solución pasa pola vivenda pública” sinalou Iria. “Aumentar o parque público de vivenda da Xunta e crear un Banco Galego de Vivenda debería ser unha prioridade, á vez que se mobiliza a vivenda baleira. Hai que garantir que a política de vivenda sexa 100% pública, para poder garantir a súa accesibilidade a toda a cidadanía e non a uns poucos, polo que hai que comezar pola regulación dos prezos de alugueiro ou a creación dunha ferramenta pública que ofreza hipotecas a xuros taxados son outras medidas fundamentais”.
“Ademais é especialmente sangrante que na Galiza contemos con case 1300 vivendas da SAREB que están en condicións de ser habitadas hoxe e que seguen estando pechadas, é preciso que o goberno do estado as ceda á Xunta para o seu uso inmediato.”
“Para poder dar unha resposta efectiva á crise de vivenda é necesario ter unha visión de país que teña en conta as especificidades galegas. Somos o país con máis vivendas baleiras da UE, temos máis de medio millón de casas (case 1 de cada 3) baleiras e temos unha forma de habitar o territorio que fai que o problema da vivenda non só estea nas cidades, neste país onde máis subiu o alugueiro foi nas grandes vilas, seguido das cidades. Isto sen entrar nos pisos estacionais e de uso turístico (que se deberían contemplar como uso hostaleiro e non vivenda) que no caso galego ten unha impacto moi forte na nosa costa, sábeno ben en moitos concellos das Rías Baixas”.
“Por iso hai uns meses comezamos a traballar para crear a Plataforma Galega Vivenda Xa!, criamos necesario visibilizar as alternativas que hai fronte a esta crise e recoller propostas do tecido asociativo do país. Así coordinando ás diferentes sensibilidades existentes en torno á crise de vivenda, poder esixir en chave galega que se tomen medidas de choque, primeiro, e reformas estruturais, despois, para efectivizar este dereito”.
Por último, Iria Nande fai un chamamento a incorporar á máis colectivos e entidades á Plataforma: “Estamos abertas a toda a sociedade galega, seguimos traballando para xuntar cada vez máis colectivos e impulsar unha serie de accións que moi pronto vos poderemos comunicar. Se as administracións non actúan, seremos o pobo organizado quen teña que actuar.“
Á súa vez, en representación da plataforma Xuntanza pola Vivenda Compostela -plataforma formada no verán de 2024-, denunciaron que a accesibilidade á vivenda na capital galega "sempre foi un problema" mais nos últimos anos a situación agravouse "cada vez máis e máis", por exemplo, polas vivendas de uso turístico.
Neste sentido, a plataforma xa resaltaba hai uns días nun comunicado que na capital galega a vivenda "é un ben de primeira rendibilidade para os especuladores", á vez que expuña que "a agresiva turistificación e a alta demanda por parte de estudantes e de veciños, empeora as condicións de vida da clase traballadora compostelá".
'Ter un teito é un dereito'
Entre cánticos como 'Ter un teito é un dereito'; 'Barrios para vivir e non para especular'; 'Altri non, okupa si'; 'Airbnb imos a por ti'; 'Escoita rentista estás na nosa lista', a manifestación partiu encabezada por unha pancarta co lema da manifestación.
Ademais, outros carteis demandaban 'Nin casas sen xente, nin xente sen casas' ou 'Ao teu caseiro patada no pandeiro', unha marcha na que tamén se puideron ver bandeiras palestinas e escoitáronse cánticos contra a macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa).
Modelos de habitabilidade
En canto ás reivindicacións da protesta, durante a lectura do manifesto reclamaron a regulación dos prezos da vivenda e a creación dun banco de vivenda social, nesta liña, puxeron o foco nas administracións para que "cambien o rumbo cara a uns modelos de habitabilidade".
"O incipiente movemento de vivenda galego saímos ás rúas para dicir basta ao encarecemento do custo dos nosos fogares, ao empeoramento da súa calidade e a non poder emanciparnos nin a ter un lugar onde vivir", recolle o manifesto.
Así, chamaron á mobilización e á organización "para facer fronte a empresarios e rentistas", xa que insistiron en que a actual situación da vivenda "é unha expresión máis da decadencia do sistema capitalista".
Ademais, insistiron en que "a loita pola vivenda non é un problema sectorial ou limitado ao prezo dos alugueiros", senón que é unha loita contra o propio modelo da sociedade, no que lamentaron que "a vivenda, como dereito básico, está sometida a un sistema que a concibe como unha mercadoría e un instrumento para acumular riqueza".
Con todo, explicaron que o seu obxectivo de construír un sindicato de vivenda "efectivo a escala galega" e fixeron fincapé en "a necesidade de estruturas de autodefensa fortes" e, por iso, avogaron pola creación de espazos e organizacións de encontro e apoio.
Durante a protesta, a representación política tamén se deixou ver, como o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, ou o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza.
Vigo e Ourense tamén participan na manifestación mais teñen lugar pola tarde deste sábado.
