Centos participan das marchas simultáneas Galiza-O Bierzo contra os macroparques eólicos

Unha das marchas cara ao alto Revelo (Foto: Courel Livre de Eólicos)

Asociacións galegas e do Bierzo, unidas na plataforma Así Non, congregaron máis de 300 persoas nunha marcha simultánea que partiu de distintos concellos para unirse no alto do Revelo (na fronteira administrativa entre a Galiza e Castela e León) para protestar en contra dos macroproxectos enerxéticos que diversas empresas pretenden implantar no Courel, Trevinca, Cabrebara e O Bierzo.

Máis de 300 persoas acudiron ao chamamento da plataforma Así Non para participar dunha marcha reivindicativa en defensa do territorio e do patrimonio ambiental e cultural diante dos grandes proxectos enerxéticos que amezan con arrasar os montes do Courel, Trevinca, Cabrera e do Bierzo, e os de toda a Cordilleira Cantábrica. 

Desde a Asociación para a Defensa Econlóxica da Galiza (Adega), integrante de Así Non, sinalan que estes macroproxectos eólicos e fotovoltaicos invaden a maior parte do territorio dos municipios nos que se proxectan, desprazando as economías locais como a agricultura, gandaría, apicultura, turismo rural... así como aos propios habitantes que custodian ese territorio e toda a biodiversidade existente.

As e os organizadores insisten en “deixar claro que o problema non é a enerxía renovábel, senón a forma en que se están realizando estes proxectos, de modo masivo, non planificado e a grande escala, en zonas de gran valor ecolóxico e medioambiental onde á perda de biodiversidade e as desigualdades que xera o modelo industrial e centralizado, se engade o impacto visual e ambiental”.

A marcha partiu este sábado, 3 de abril, de forma simultánea, desde distintos puntos da Galiza (de Brañas e Fonteformosa, en Folgoso do Courel) para atoparse no alto do Revelo (na fronteira administrativa entre a Galiza e Castela e León), coa xente que saíu desde Busmaior (nas Barxas, no Bierzo, baixo a Administración de Castela). No alto do Revelo atopárense galegas e galegos dunha e doutra beira en símbolo de unión dos territorios ante unha emerxencia que ameaza a paisaxe, o medio e a pervivencia da vida nos concellos desta zona.

Pedro Romeo, representante da Asociación A Volta Grande do C@urel, entidade integrante de Así Non, sinalou a Nós Diario a importancia desta marcha como primeiro acto en defensa do territorio contra estes parques eólicos e as grande instalacións enerxéticas. Esta unión de colectivos que representa Así Non, explica Romeo, xurdiu en concreto contra o parque nas Barxas, pero está contra todos estes proxectos en toda esta zona. Ante esta problemática, reivindica un cambio de modelo enerxético e que a distribución das eólicas se faga doutra forma, sen agresións ao medio.

Ademais de Adega e Volta Grande do C@urel, a plantaforma Así Non integra entidades como A Morteira, Bierzo Vivo, Asociación para el Desarrollo Rural Bierzo Cabrera, Instituto de Estudios Cabreireses, ou Rural Sostíbel.

Tamén no plano institucional hai oposición a estes megaparques. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou no mes de marzo no Congreso varias iniciativas para descartar a implantación destes tres macroproxectos do xigante Statkraft en Rebordechao, Prada e Barxas. Rego sinalou que “tanto a localización, a dimensión, como a proximidade e mesmo o feito de que deberán compartir evacuación e que o desenvolvemento duns está vinculado aos outros fan que se deba considerar como un único proxecto”.

Nese sentido, desde o nacionalismo lembran que a fragmentación dun Parque Eólico “é unha práctica fraudulenta” e que existe xa xurisprudencia a respecto diso. “Na Galiza pódense citar distintos casos en que se presentan Estudos de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto para eludir as garantías exixíbeis” incidiu Rego.