Unha muller de 85 anos, desafiuzada porque pagou tarde un mes de alugueiro

Concentración solidaria con Aurelia Rei [SG]
Aurelia Rei vive nunha céntrica rúa da Coruña. En virtude dun contrato verbal rexido pola lei inmobiliaria de 1964, paga 165€ mensais por un inmoble cuxo prezo podería superar os 600€. Após a demanda da propietaria do piso e do edificio enteiro, o 18 de febreiro ás dez da mañá executarase o despexo, co visto e prace do Goberno local do PP


Na céntrica rúa Padre Feijóo da Coruña, con edificios señoriais habitados por familias adiñeiradas, a pensión non contributiva de 375 euros con que (sobre)vive Aurelia Rei non encaixa. Ten 85 anos e está a piques de perder a que foi a súa casa durante máis de trinta anos polo atraso no pagamento dunha mensualidade en abril de 2012.

Aurelia achegou xa os 165 euros ao alugueiro. Os meses anteriores estaban todos pagados, e tamén os seguintes. Porén, aproveitando a connivencia do goberno local da Coruña (PP), a propietaria de todo o edificio, María Pereira, viúva do ex presidente do Deportivo Manuel González e familiar do coñecido produtor musical Nonito Pereira, deu de prazo até a segunda feira 18 de febreiro para que abandone o inmoble.

Ese día, ás dez da mañá, executarase o desafiuzamento. A muller, que enervou outra ameaza de despexo xa en 1999 por demorar no pagamento duns meses que botou na aldea após a morte dunha tía, non ten maneira de evitalo agora. A lei di que a enervación, evitar o desafiuzamento abonando as cantidades adebedadas, só pode exercitarse unha vez.

 

O caso de Aurelia está a movelo a plataforma cidadá Stop-Desafiuzamentos A Coruña. Segundo informan en conversa con este xornal, a propietaria alega "mala convivencia veciñal" para botar da casa a Aurelia. Porén, a intención que colocan riba da mesa @s activistas ten máis a ver cos 165 euros que paga a inquilina en virtude dun contrato verbal de renda antiga por un inmoble cuxo prezo mensal podería superar os 600 euros.

O 28 de xaneiro deste ano comunicáronlle a intención de a desafiuzar e, após varios encontros co avogado de María Pereira, o seu propio fillo e tamén veciño do edificio, "o mellor acordo que quitamos foi un aprazamento de dous meses". A negociación con Servizos Sociais do Concello foi aínda menos frutífera: "só ofreceron unha praza en Padres Rubinos", mais Aurelia di que é unha muller independente, capaz de se valer por si propia, e non quere ir a unha residencia de persoas idosas.

Segundo salientan fontes de Stop-Desafiuzamentos, a propietaria está a practicar o mobbing inmobiliario para que o piso fique baleiro e alugalo a un prezo maior: "Aurelia non quere marchar da súa casa, mais a familia Pereira deixounos claro que non a queren aí, que non hai ningunha posibilidade de que quede".