Centos contra Ence en Pontevedra, porque ''debaixo da nube de cloro está a fermosura da praia''

[Imaxes: SG]

Convocada pola Plataforma-2018, a manifestación deste 23 de novembro foi a primeira acción contra a prórroga da Xunta.


Foron centos as persoas que este 23 de novembro se mobilizaron en Pontevedra en contra da prórroga que a Xunta de Galiza outorgou á pasteira Ence para ficar na ría con visos á súa consolidación en Lourizán, aplicando a modificación da Lei de Costas. 

Convocada pola Plataforma-2018, da cal fan parte até 32 colectivos, a manifestación saíu por volta das oito do serán da Praza da Ferreiría e andou as rúas da cidade do Lérez para rematar na Praza da Peregrina, onde o profesor de historia e activista cultural Calros Solla deu leitura ao manifesto.

"Queremos que nos devolvan Pontevedra e queremos que nola devolvan xa", proclamou Solla, quen denunciou que as empresas Ence e Elnosa, coa conivencia do goberno da Xunta de Galiza, "levan décadas envelenándonos, sobresaltándonos, obrigándonos a comer o colleitado na xurreira de Lourizán". 

"Levan décadas mangoneando a nosa herdanza e conculcando o noso sagrado dereito a gozar da nosa auga, do noso ar", continuou, subliñando en cada frase o rexeitamento a unha industria que cualificou de "fétida" e "ruinosa".

''Submisión'' perante os intereses da cloreira

Ao fío, a Plataforma-2018 quixo denunciar o brinde ao sol da Xunta cando afirmou que impediría a permanencia da cloreira na ría. A Lei de Costas permitiralle consolidarse na ría de Pontevedra durante 75 anos máis, mais o primeiro paso deuno a propia Xunta cando, o 30 de outubro, a consellaría de Medio Ambiente asinou coa dirección de Elnosa unha prórroga de tres anos "que confirma a posición de submisión do Goberno galego aos intereses da empresa". A autorización de impacto ambiental sinala o 7 de xaneiro de 2014 para o cesamento definitivo da actividade industrial.

"Por moito que os estrategas do mercurio queiran disimulalo, intuiremos a presenza da fedorenta", enfatizou Calros Solla, deixando claro que aínda que "tarde ou cedo" a presión popular botará Ence da ría de Pontevedra, "as secuelas permanecerán en nós durante séculos".

Cada día de máis que a pasteira bota en Lourizán é tempo que se perde en recuperar o dominio público da ría para potenciar a pesca de baixura e o marisqueo, e é tempo que fará medrar a contaminación por metais pesados nas augas. Por todo isto, Solla remarcou que @s pontevedres@s non queren continuar a vivir en "Vila Podre" porque, dixo, "debaixo dos cascallos, da podremia e da nube de cloro está aínda a fermosura da praia".

Vence tilda de ''traizón'' a prórroga a Ence

A manifestación estivo apoiada por organizacións como Galiza Nova, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CIG, CGT, Asociación pola Defensa da Ría, Nós-UP, Federación de asociacións veciñais Castelao e BNG.

Da formación frontista desprazáronse até Pontevedra a deputada Montse Prado; a responsábel de Acción Municipal, Goretti Sanmartín; ou o voceiro nacional, Xavier Vence. En declaracións aos medios de comunicación, cualificou de "traizón" a prórroga a Ence, decisión que apuxo a "unha argucia do PP" para consolidar a pasteira na ría.