''Por moitos lavados de imaxe que Ence faga, todas podemos sentir o cheiro da fábrica''

[Imaxe: SG]

A Plataforma-2018 fixou para o 23 de novembro un protesto en Pontevedra [Praza da Ferraría, 19.30h] contra a ''decisión caciquil'' de manter a pasteira en Lourizán tres anos máis. Conversamos coa voceira do colectivo, Antía Marinho.


É esta prórroga até 2018 o primeiro paso para consolidar Ence na ría?

Si. Todo indica que a intención dos directivos é consolidar a súa permanencia mais aló de 2018 ao solicitaren a aplicación da modificación da Lei de Costas, o que permitiría que continuara no seu actual emprazamento por 75 anos mais. 

A conivencia do PP con esta empresa é evidente e esta prórroga non fai máis que confirmalo. Este partido continua movéndose nunha ambigüidade total perante a opinión pública, afirmando que este complexo industrial marchará na ría en 2018 pero dando todos os pasos para consolidar a súa permanencia, como esta prórroga, a reforma da Lei de Costas ou a renovación das Autorizacións Ambientais Integradas carentes do informe preceptivo do Concello de Pontevedra, obviando a legalidade namentres defenden os intereses dos empresarios.

"O rendemento do monte baseado no monocultivo de eucalipto non é mais do que pan para hoxe e fame para mañá" 

En que se vai traducir a modificación desa Lei?

Na privatización absoluta do litoral. Significa primar os intereses económicos perante a lóxica e as necesidades medio ambientais e diminúe perigosamente os niveis de protección, rebaixando a distancia mínima dende os 100 metros da Lei de 1988 ata a ridícula cifra de 20 metros. 

Tamén abre a porta a que as grandes empresas situadas no litoral e suxeitas á normativa que regula as concesións na zona marítimo-terrestre poidan continuar a súa actividade nestes terreos, sendo a decisión última para determinar a concesión desta prórroga competencia do Estado e non dos gobernos autonómicos, que tan só poderán emitir un informe non vinculante que, de ser desfavorábel, poderase obviar baixo supostas 'razóns de interese xeral'.

Após 56 anos en Lourizán, semella que tres anos máis non serán nada... Que vai supor, desde un punto de vista ecolóxico, económico e social, ese aprazamento?

Elnosa continúa a verter mercurio na nosa ría e a prorroga foi concedida sen tan sequera esixir o uso de tecnoloxía de membrana para diminuír a contaminación xerada e eliminar estes vertidos que ademais de influír perigosamente na nosa saúde destrúen os postos de traballo que xeran o marisqueo e a pesca de baixura. Cada día que continúe vertendo mercurio dificultará máis a recuperación da ría.

"Unha economía sustentábel baseada na pesca, no marisqueo, na explotación racional do monte ou do sector turístico daría infinitamente máis emprego do que dan Ence e Elnosa"

Leva varios meses funcionando unha campaña mediática coa que se pretende demostrar que a permanencia de Ence na ría é fundamental para o futuro do monte galego. Existe rendemento económico no modelo de monte que promove a pasteira?

Ence é unha empresa contaminante. Todas podemos ver as chemineas co fume e sentir o cheiro, por moitas campañas de lavado de imaxe que fagan, por moitos cartos que invistan en publicidade, campañas mediáticas e informes económicos, non poden ocultar a realidade. 

Por iso utilizan a crise económica actual para tratar de enganar e convencer á poboación de que a súa permanencia é fundamental para a economía da comarca e da Galiza. O rendemento do monte baseado no monocultivo de eucalipto non é mais do que pan para hoxe e fame para mañá a cambio de efectos nefastos para o noso País, como os grandes lumes que cada verán asolan os montes ou a desaparición de especies autóctonas.

A dirección da empresa di que ou quedan en Lourizán ou fechan porque na Galiza non hai outro emprazamento que lles pareza acaído. Que suporía ese eventual feche?

Terá que vir necesariamente acompañado dunha política de saneamento e recuperación da ría que a curto e medio prazo potenciaría a creación de numerosos postos de traballo. A longo prazo é necesario implantar unha economía sustentábel baseada na pesca, no marisqueo, na explotación racional do monte ou do sector turístico, actividades que darían infinitamente máis emprego do que dan Ence e Elnosa.

Malia que na Plataforma 2018 están 'todos' agás o PP, o certo é que Ence gozou tamén dunha posición privilexiada tamén namentres foi empresa pública ou namentres a consellaría de Medio Ambiente estivo en mans do PSdG-PSOE (2005-2009)...

É certo. Desde as distintas administracións da Xunta e do Estado sempre houbo unha relación de conivencia co complexo. Até poderiamos falar dunha auténtica submisión aos seus intereses. 

"Desde as distintas administracións da Xunta e do Estado sempre houbo unha auténtica submisión aos intereses da empresa"

De feito, cando o goberno bipartito da Xunta, lonxe de tomar as medidas para eliminar este complexo contaminante, concedéronselle as Autorizacións Ambientais Integradas e concedéronselle de forma irregular porque non se cumprían as esixencias legais para o facer. Moito do que está a acontecer agora é herdanza desa decisión.

Confían en ver publicada no Diario Oficial de Galiza a orde de que Ence debe mudar de emprazamento?

Somos conscientes das dificultades nesta loita. Con todo, somos conscientes tamén dos moitos apoios que temos e de que o feche e a saída da ría do complexo Ence-Elnosa é a única opción lóxica e máis cedo ou máis tarde terá que ser unha realidade. Non só veremos publicada a orde de saída, senón que veremos a ría fermosa como foi noutrora.