Claman contra o "racismo institucional" e as persecucións a inmigrantes "por criterios políticos"

Concentracións ás portas da Subdelegación do Goberno español e das comisarías da policía conmemoraron esta terza o Día internacional das migracións nun País que 70 galeg@s abandonan cada día e onde 10 mil inmigrantes en situación irregular se revolven contra o permiso de residencia que Rajoy regalará a estranxeir@s ric@s


Dicía Fernando Amarelo de Castro, responsábel de Migracións cando na Xunta mandaba Manuel Fraga, que "a emigración era a aventura do pobo galego". Cada vez que o repetía, as persoas que traballaban man a man con persoas inmigrantes erguíanse da mesa e abandonaban as xuntanzas.

Os movementos migratorios de hoxe seguen a ter pouco de epopea. Pola volta de 70 galeg@s abandonan cada día Galiza. Na outra cara da moeda, 10 mil inmigrantes en situación irregular ven a súa situación aderezada con persecucións policiais e "identificacións raciais", denuncia o Foro galego de inmigración, namentres o Goberno español se prepara para obsequiar cun permiso de residencia a estranxeir@s ric@s que merquen unha vivenda por valor superior a 160 mil euros. Con este panorama como pano de fondo, Galiza tamén 'celebrou' esta terza feira o Día internacional das Migracións.

Centos de persoas concentráronse ás portas da Subdelegación do Goberno central na Coruña e das comisarías da policía en Compostela e Ferrol para dar lectura a un manifesto en que consideran "intolerábel" o estado policial en que viven @s inmigrantes irregulares, cuxa documentación lles é requerida "por criterios raciais" en lugares públicos como as estacións de autobuses ou os centros de saúde.

''Racismo institucional'', non austeridade

Miguel Fernández quéixase de que "a pesares da nosa insistencia, por sistema realízanse procedementos preferentes que en moitos casos están a supoñer a expulsión efectiva de persoas que só cometen a infracción dunha situación de irregularidade administrativa á que a propia lei lles obriga". Fronte a esta situación, atópanse cunha idea "absolutamente intolerábel" que pretende "vender cidadanía a cambio de investimentos de diñeiro que en moitas ocasións procederá de actividades delitivas, mesmo de trata de persoas".

"Esta persecución obedece claramente a criterios políticos", recolle o manifesto do FGI en que denuncian un "racismo institucional" que vén alimentado pola LO 4/2000, apelidada 'de dereitos e liberdades dos estranxeiros', e que tivo o seu precedente nos últimos dous anos do goberno de José María Aznar, cando a poboación inmigrante foi privada dos dereitos á folga, a se asociar, a se sindicar e a presentar denuncias.

Fronte ao 'turismo sanitario' que argumenta o Executivo de Mariano Rajoy para por en marcha decretos como o 16/2012, que restrinxe o dereito á sanidade para este colectivo, insisten desde o FGI que quen vén á Galiza faino "para traballar", e recórdanlle ao presidente do Goberno español o custo real só dos billetes de avión para unha persoa que chega dun país do Sur tomando en conta que, por exemplo en Guatemala, cómpren 10 quetzales para xuntar 1 euro.

Empregadas do fogar, escravas sociais

Paralela a esta situación, colocan riba da mesa "o fortísimo retroceso dos dereitos laborais" d@s traballador@s, nomeadamente daquelas mulleres empregadas do fogar ou coidadoras. Reclaman "flexibilidade" por parte da Administración para que persoas que teñen regularizada a súa situación non perdan o permiso de residencia ao non atoparen traballo. Ao fío, cómpre lembrar que o Goberno de Zapatero estabelecera tamén a exixencia de ter un precontrato laboral dun ano de duración para obter 'os papeis'.

Porén, eran outros tempos. O número de persoas no desemprego non superaba as 270 mil na Galiza, e non existía aínda a exixencia de ter uns ingresos que igualen catro veces o IPREM --2.130 euros-- para poder contratar unha persoa inmigrante ou para renovar un permiso de residencia, tamén para crianzas. Así as cousas, a Subdelegación do goberno non renovou autorizacións de residencia en supostos como o dun pensionista que cobra 729€ e o de catro crianzas cux@s proxenitor@s non ingresan ese 400% do Indicador público de renda de efectos múltiples que custa "residir en España", segundo o departamento que dirixe Samuel Juárez e segundo sinalan dous documentos aos que tivo acceso este xornal.