Un cento de persoas queda sen PCR en Pontevedra após sete horas de cola

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán (Foto: Europa Press).
Esta cuarta feira era a última xornada na que se podían facer os tests sen cita previa e de balde, xa que a Xunta decidiu suprimilas malia estaren programadas até o 8 de xaneiro.

A partir da quinta feira o Goberno galego deixará de ofrecer probas PCR á poboación xeral sen necesidade de cita previa e de balde.

A desta cuarta feira era, polo tanto, a única xornada na que se podían facer os tests. Isto provocou que no exterior do Hospital Provincial de Pontevedra houbese xente facendo cola desde as 6 horas da madrugada, malia que o servizo principiaba ás 10.

Cando se comezaron facer as probas xa había medio milleiro de persoas agardando a súa quenda; porén, arredor dun cento delas non puideron realizala, xa que ás 14 horas se deixou de atender o público.

Moitas das persoas afectadas descoñecían esta noticia, xa que a Xunta da Galiza programara as PCR, nun primeiro intre, até o vindeiro 8 de xaneiro.

A tensión estoupou cando, cumprida a hora do fechamento, unha celadora e un garda de seguridade da empresa Eulen comunicaron a fin das probas, deixando fóra numerosos cidadáns e cidadás indignadas.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas), pola súa parte, xustificou esta decisión co único argumento de que a pandemia está a entrar na Galiza nunha "fase de mitigación".

Cómpre lembrar, tal e como xa informou Nós Diario a pasada semana, que a falta de persoal provocou en todos os puntos habilitados colas quilométricas e até sete horas de agarda durante todas as xornadas.

Tests de antíxenos

A partir de agora, o Sergas ofrecerá tests de antíxenos, quer nasofarínxeos quer de saliva, mais sempre con cita previa, que deberá solicitarse a través da aplicación Sergas Móbil ou na páxina web do Sergas.