Editado por Sermos Galiza

'Cento doce viaxes na miña terra', de Xoán Colazo, chega este 19 de setembro ás librarías

Detalles do libro de Xoán Colazo.
O libro presentarase esta quinta feira, día 21, na libraría Cartabón de Vigo. Consta de 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor e cunhas dimensións de 16x16 centímetros, "para levar a toda parte". O prezo de venda ao público é de 24,90 euros.

Esta terza feira, 19 de setembro, chega ás librarías da Galiza o último libro editado por Sermos Galiza S.A., Cento doce viaxes na miña terra, da autoría do economista Xoán Colazo. Leva décadas percorrendo os camiños do país e desde o nacemento de Sermos Galiza, en 2012, publicando, como integrante do colectivo XEA, as súas reflexións sobre diferentes lugares da xeografía física e humana galega, profundamente transformada e agora, a través desta obra, convídanos a revivir esas "andainas polas derradeiras paraxes descoñecidas da Galiza".

O libro consta de 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor e impresas na mellor calidade e cunhas dimensións de 16x16 centímetros, "para levar a toda parte". O prezo de venda ao público é de 24,90 euros. E esta quinta feira, día 21, presentarase de forma oficial na libraría Cartabón de Vigo, a partir das 20.15 horas e coa presenza de Xoán Colazo e mais a xornalista Blanca Gefaell.

"Quero compartir a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra. Este é o xeito de valorala, de querela, de reivindicala, de sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das formas de montes, ribeiras e vales. E, sobre todo, saír do noso horizonte cotián permítenos coñecer e falar coas persoas que habitan, dan sentido e moldean este territorio variado e gozoso", salienta o autor.

Para Colazo, un "viaxeiro impenitente", viaxar enténdese "como necesidade de gozar, de vivir, de coñecer as belezas que se manifestan en calquera recanto do país". E esta teimosa querenza por percorrer todo canto camiño ou carreiro houber, asegura, en relación con esta nova publicación, "debe ser partillada".

Este é un libro de amor á Galiza que en moitos casos reflicte a súa destrución

Primeiro con periodicidade semanal e posteriormente, na actualidade, mensual, o colectivo Xea —formado, alén do propio Xoán Colazo, por Adela Leiro e Mon Daporta— achéganos no semanario Sermos Galiza os seus roteiros pola Galiza adiante. E Colazo decidiu agora recompilar as 112 entregas que fixo nesta obra que verá a luz esta terza feira e que el mesmo define como "un libro de amor á Galiza".

Un libro para amar o país que, porén, "en moitos casos reflicte a súa destrución". "Porque é unha realidade, e é mellor indignarse que ir ver unha fervenza sen saber que moitas veces quedan sen auga porque hai minicentrais que lle chuchan o caudal", precisa.

Viaxo desde o respecto e a discreción, prefiro viaxar a 'turistear'

E que tipo de andainas atoparán as persoas lectoras en Cento doce viaxes na miña terra? Avánzao o propio Colazo, explicando a súa forma de viaxar e coñecer o territorio: "Podes ir a unha fervenza ou achegarte a unha igrexa, pero cando camiñas un territorio os elementos non están isolados, hai capas históricas, culturais, toponímicas, patrimoniais. Vas coa meta de chegar a unha fervenza pero na aldea do lado hai unha pía romana nunha igrexa, ou falas coa xente e suxíreche unha variedade de preguntas e destinos novos".

"O meu modo de viaxar é desde o respecto, a discreción, o deixar unha mínima pegada ecolóxica ou doutro tipo… prefiro viaxar a 'turistear', que ao final tamén inevitabelmente facemos en ocasións, pero non aquí porque sinto que viaxo pola miña terra", engade.