medio ambiente

Un centenar de persoas concéntrase xunto ao río Ulla, en Monterroso, para rexeitar a instalación de Altri

Veciñanza afectada polo proxecto de Altri, este sábado, no río Ulla ao seu paso por Monterroso. (Foto: Europa Press)
Veciños e veciñas volveron entoar cánticos como 'A Ulloa é nosa, e non da celulosa' ou 'Altri, Non'.

Un centenar de persoas concentráronse este sábado na área Recreativa da Peneda, no municipio de Monterroso (A Ulloa), para mostrar un día máis o seu rexeitamento á planta de fibras téxtiles e celulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei.

Cunha pancarta na que se podía ler 'Celulosa de Altri: o río Ulla e a Ría de Arousa en perigo', veciños e veciñas desta e doutras localidades da comarca reuníronse, precisamente, xunto ao río Ulla, onde tamén entoaron cánticos como 'A Ulloa é nosa, e non da celulosa' ou 'Altri, Non'. Ademais, gaitas e pandereitas puxeron música a esta acción reivindicativa, con estrofas nas que volveron a demandar a Altri "que se vaia fóra".

Charla en Melide

Por outra parte, esta sexta feira a plataforma Ulloa Viva organizou unha nova charla informativa en Melide sobre a instalación de Altri á que asistiron máis de 500 persoas interesadas en coñecer o proxecto, despois de que a empresa suspendese estas charlas polas protestas rexistradas nos actos decorridos entre a cuarta e a quinta feira en Palas de Rei, Monterroso e no propio concello de Melide.

Na charla participaron, entre outros, a portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá; o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido; o catedrático de Analíse Xeográfica e doutor en Xeografía, Rubén Lois; o catedrático de Botánica Santiago Ortiz, e o enxeñeiro agrónomo Xoán Castro.

Alí, segundo trasladou a plataforma, explicaron aos asistentes desde as súas disciplinas "o engano e o desastre ambiental e socioeconómico" co que aseguran que Altri "ameaza non só o corazón da Galiza, senón tamén os once concellos que se abastencen do Ulla e á ría de Arousa".