DO 1 AO 15 DE XUÑO

De Cenlle a Moaña: a II Deseucaliptización simultánea combatirá eucaliptos e acacias nunha quincena de montes galegos

Participan 25 entidades e colectivos, que desenvolverán as actuacións desde este sábado,1 de xuño, até o vindeiro día 15. Na primeira edición elimináronse máis de 200.000 pés de especies invasoras.

A sociedade galega continúa a se organizar e actuar contra a eucaliptización. Este sábado arranca a segunda edición da Deseucaliptización Simultánea, o chamado de Cousas de Raíces para actuar nos montes do país contra especies invasoras como o eucalipto e a acacia. Na primeira edición conseguiuse eliminar máis de 200.000 pés destas especies. Na segunda, na que participan 25 entidades e colectivos, a previsión é actuar nunha quincena de montes.

Son 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñais e comunidades de montes. O obxectivo, explica Cousa de Raíces, é resaltar os efectos negativos das especies exóticas invasoras nos montes galegos, “e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade e diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio”

O ciclo de actuacións comezará sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía. Ao longo destes días haberá accións en Vigo,  en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Tamén en Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo, así como nos montes de Cenlle e Melón e tamén en Ramil (Palas de Rei).

Grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron após os incendios de outubro de 2017, así como traballos que darán continuidade aos xa iniciados na primeira edición de eliminación simultánea convocada por Cousa de Raíces hai dous meses. Tamén haberá actuacións en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces: Adega, Couto da Eirexiña, As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra),  Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).